Trabada abre o prazo de inscrición para os servizos de conciliación
O Concello de Trabada abre o prazo de inscrición nos programas municipais de conciliación ‘Trabada concilia 2024- 2025’. En concreto, o prazo estará aberto dende o martes 28 de maio ata o 11 de xuño. Dentro da iniciativa, inclúense tódolos servizos de conciliación ofertados polo Concello, como son o campamento de verán 2024, o servizo de Madrugadores, Ludiseráns e os cursos de natación para o curso escolar 2024- 2025.
“Dende o Concello de Trabada continuamos apostando polos servizos de conciliación para as familias, que tan necesarios son hoxe en día para axudar aos pais e nais, contribuíndo a fixar poboación no rural”, asegura o alcalde, Rubén García. Continúan ofertando estes programas durante o verán e durante o curso escolar, “xa que queremos que as familias do noso concello conten cuns programas de conciliación amplos e a vez económicos”, explica o alcalde.
O custo de cada un dos programas é de 15 euros ao mes. “Queremos coidar ás familias do noso concello e darlles a posibilidade de contar con estes servizos tan necesarios para conciliar a vida familiar e laboral”, engade Rubén García. Ademais, este ano o concello amplía o número de prazas do campamento de verán debido á gran acollida que tivo o ano pasado.