Trabada abre as portas do seu museo para celebrar as festas patronais

AMariñaXa
O Concello organiza visitas guiadas os días 15 e 16 de agosto no Museo Etnográfico Xosé Rocha como homenaxe á memoria local
Museo-Etnografico-Xose-Rocha-Trabada
13 Aug 2025

Coincidindo co ambiente festivo das patronais, o Concello de Trabada programou para os días 15 e 16 de agosto unhas xornadas especiais de portas abertas no Museo Etnográfico Xosé Rocha. O horario será de 18:30 a 20:30 horas, e en cada tarde, ás 18:30, dará comezo unha visita guiada que permitirá coñecer en detalle as coleccións e o valor histórico dos obxectos que se conservan neste espazo.

Estas xornadas serven tamén como tributo á figura de Xosé Rocha, persoa fundamental na recuperación e preservación da historia local, quen dedicou boa parte da súa vida a recoller e divulgar a cultura popular de Trabada.

O alcalde, Rubén García, destacou que “o Museo Etnográfico Xosé Rocha é un exemplo do que se pode conseguir cando existe compromiso co noso pasado e coa nosa identidade”. Segundo engadiu, a intención municipal é “manter vivo o patrimonio cultural do municipio e crear oportunidades para a súa difusión e desfrute por parte de veciños e visitantes”.

Dende o Concello sublíñase que esta iniciativa forma parte da aposta pola valorización do patrimonio etnográfico e pola dinamización cultural, convidando á cidadanía e ás persoas que se acheguen á vila nestas datas a participar e descubrir un dos seus tesouros máis singulares.

⚙ Configurar cookies
0.19552302360535