Touriñán trae o seu novo monólogo a Ribadeo
O coñecido actor galego Touriñán ofrecerá o seu monólogo Aquí Tou! no auditorio municipal de Ribadeo o día 1 de xuño, sábado, en dúas sesións: ás 20.00 e ás 22.30 horas. “Ata agora a xira deste espectáculo de Touriñán só estivo nas grandes cidades e con moito éxito. Por iso estamos encantados de recibilo en Ribadeo”, asegurou a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. Neste monólogo Touriñán fai un percorrido pola súa vida dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio.
“Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser que hoxe é”.
Aquí Tou! é un espectáculo dirixido a un público amplo, se ben é certo que non está pensado para nenos, polo que se pode acoutar a idade a maiores de 12 anos. Touriñán compón un monólogo ao redor da súa persoa, comezando na súa concepción e rematando no que lle deparará o futuro. A través de diferentes momentos vitais, analízase a el ao tempo que nos retrata a todos. Recupera momentos importantes da vida do actor cullerdense mais, a pesares do persoal da proposta, é imposible non verse reflectido nas situacións propostas.
Nos últimos anos Touriñán participou en espectáculos teatrais, como Fariña ou Recortes, e en diferentes series e programas de televisión, pero en Aquí Tou! regresa ao formato que lle proporcionou fama e lle deu os seus primeiros éxitos no mundo do espectáculo. O relato apoiase por momentos en imaxes proxectadas que ilustran diferentes momentos da traxectoria vital de Touri. Un espazo escénico minimalista que xa adianta o que se vai poder ver en escena, un dos mellores cómicos do pais facendo o que mellor sabe: encher o escenario e contaxiar a risa a todo o auditorio.
Con máis de 20 anos de carreira, Touri ten unha conexión co público en Galicia que é difícil superar. O humor é o seu sinal de identidade e conseguiu ser un referente do humor feito desde Galicia. Os seus monólogos, espectáculos, series e aparicións en televisión son sinónimo de éxito. Á súa faceta de actor hai que sumarlle a de produtor, director e axitador cultural. O seu entusiasmo contaxia a quen traballa con el e tamén dá un extra a todos os proxectos nos que se involucra. As entradas para desfrutar de Touriñán xa están á venda en https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/humor/auditorio-municipal-hernan-naval/17483--aqui-tou.html