Tomé Roca dixo en Viveiro que "a clave está en ensanchar as bases do partido"

AMariñaXa
Tomé Roca dixo en Viveiro que "a clave está en ensanchar as bases do partido" e fixo fincapé na necesidade de estar arroupado e acompañado
PSOE tome roca e fran cajoto FOZ
4 Feb 2022

Coa iniciativa Camiñamos Xuntos, o candidato a liderar os socialistas na provincia de Lugo mantén encontros cos militantes de todas as comarcas lucenses

José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, continúa co seu compromiso de manter reunións coa militancia de toda a provincia. Hoxe completou a súa visita á Mariña, con reunións en Foz e Viveiro, acollendo á militancia dos municipios da contorna, pechando así as xuntanzas que mantivo este martes en Cervo e Ribadeo.

O alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo impulsa a iniciativa Camiñamos Xuntos, coa que visita entre esta semana e a próxima aos militantes de todas as comarcas lucenses de cara a preparar o IV Congreso Provincial, que terá lugar o vindeiro 20 de febreiro.

Deste modo, Tomé Roca mantivo esta tarde un encontro cos militantes de  Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo e Foz, na sede socialista deste último municipio. Tamén acompañou a última hora da tarde á militancia de Viveiro, na sede do PSdeG na cidade do Landro, acompañados dos socialistas de Muras, Ourol e O Vicedo. 

“Se queremos que os socialistas de Lugo sexan determinantes, a clave está en ensanchar as bases do partido”, remarcou o socialista. Tomé Roca fixo tamén fincapé na necesidade de que as persoas que están nas organizacións políticas locais “se sintan arroupados e acompañados, cun contacto directo coa dirección do partido, tanto se gobernan como se están na oposición”.

Desta forma, o seu obxectivo como futuro líder provincial do PSdeG é “manter o contacto que creamos coa iniciativa Camiñamos Xuntos para que todos e todas os integrantes do partido se sintan acompañados”. 

José Tomé Roca incidiu nos seus encontros coa militancia na importancia das bases para “consolidar a situación actual, xa que gobernamos para o 65% da poboación lucense”. Unha “maioría social” que os socialistas aspiran a aumentar de cara ás vindeiras citas electorais, “algo para o que necesitaremos un partido unido, cunha militancia que se sinta escoitada e integrada”, recalcou Tomé Roca.

O candidato estará mañá venres en Lugo. Na fin de semana visitará Becerreá, Sarria e Vilalba, mentres que a vindeira semana será a quenda da Fonsagrada e Pol.

0.18711590766907