Tomé Roca denuncia en Viveiro unha “xornada de transfuguismo político” e cualifica de “lamentable” a investidura do PP

AMariñaXa
O Secretario Xeral do PSdeG en Lugo critica a Por Viveiro por “venderse nos brazos do PP” e asegura que os veciños tomarán nota para as próximas eleccións
Pleno-Viveiro-tome-loureiro-psoe-2025
7 Mar 2025

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo e Presidente da Deputación provincial, José Tomé Roca, denunciou en Viveiro a “xornada de transfuguismo político” que se viviu no Salón de Plenos do Concello mariñán e cualificou de “lamentable” a sesión que investiu ao PP no Goberno local.

“E lamentable o que ocorreu aquí hoxe”, denunciou o socialista, para quen vimos de vivir “unha xornada de transfuguismo político”. Foi crítico coa formación Por Viveiro, “unha candidatura teoricamente progresista que se vendeu nos brazos do Partido Popular non sabemos a cambio de que aínda, pero saberémolo”. Ademais Tomé Roca reprochou que antepuxeran intereses persoais á vontade que a veciñanza manifestou nas urnas. “Hoxe produciuse unha traizón aos veciños de Viveiro por parte de Por Viveiro e estamos convencidos de que tomarán boa nota e en dous anos dirán que queren volver a ter o Goberno que merecen”, subliñou.

Valorou ademais que “o PP está na súa salsa neste tipo de situacións, é o que lle gusta, está habituado a comprar vontades e votos para facer mocións de censura e nós o que queremos é un Goberno digno en Viveiro”. Nese sentido asegurou que “desde a Deputación imos seguir a traballar lealmente co novo Goberno, como facemos con todos os concellos” e engadiu que “por suposto” seguirán apoiando á socialista María Loureiro, “que fixo un gran traballo como Alcaldesa de Viveiro”.

Pola súa banda, Loureiro asegurou que seguirá traballando desde a oposición aproveitando a perspectiva que lle dá a experiencia de Goberno e espera que isto sirva polo menos para “desbloquear proxectos clave que a Xunta de Galicia tiña para Viveiro”.

⚙ Configurar cookies
0.19891786575317