Tomé presidirá a Xunta Reitora da UNED de Lugo os vindeiros dous anos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Presidente da Deputación asumiu este cargo na reunión celebrada na sede que ten a universidade na capital lucense.
xunta reitora uned lugo
9 Jul 2021

O presidente da Deputación asumiu este cargo na reunión celebrada na sede que ten a universidade na capital lucense, na que tamén se aprobou un orzamento de 955.000€ para o centro de Lugo e as aulas de Monforte de Lemos, Viveiro e Foz.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidirá a Xunta Reitora do centro asociado da UNED de Lugo os vindeiros dous anos. Unha decisión que se acordou este venres pola mañá nunha sesión ordinaria que celebrou a Xunta Reitora -ata o de agora presidida pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez- que se celebrou na sede que a universidade a distancia ten na cidade lucense.

Nesta sesión, ademais de acordar o cambio da presidencia, que é un cargo rotatorio, tamén se lle deu o visto bo aos Orzamentos desta entidade educativa para o 2022, que ascenden a preto de 955.000€ para o centro de Lugo e as aulas de Monforte de Lemos, Viveiro e Foz.

Así mesmo, a Directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira, deu conta das actividades que se celebraron ao longo deste pasado curso, no que notaron un aumento da matrícula. No caso dos estudos regrados chegouse ao teito histórico de 1.300 alumnos que se inscribiron nalgunha das opcións educativas no curso 2020-2021. Celebráronse 112 actividades de extensión universitaria nas que participaron máis de 5.000 alumnos e alumnas. 

Os membros da Xunta Reitora tamén coñeceron a memoria de liquidación do pasado exercicio e avaliaron as iniciativas que se puxeron en marcha ou que continúan desenvolvéndose, como é o caso de Lugo cultura dixital ou UNED Lugo NaturalMente, que inciden en aspectos vencellados coa optimización de recursos e o coidado do medio ambiente e o impacto do cambio climático.

Convenio Lugo cultura dixital

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Directora da Universidade Nacional de Educación a Distancia de Lugo (UNED) de Lugo, Ana Belén Traseira, asinaron tamén este venres un convenio de colaboración para continuar co proxecto Lugo Cultura Dixital, que ten como obxectivo a difusión da cultura da provincia, a promoción do asociacionismo, o impulso da inclusión e a alfabetización dixital, e a divulgación dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

A institución provincial destina 25.000€ para financiar as actividades que se organizan no marco desta iniciativa, que se vén desenvolvendo dende o ano 2014. Entre elas, destaca a creación de contidos culturais propias coa colaboración por parte das asociacións e institucións. Tamén a creación de traballos editoriais en formato dixital para obras lucenses, artigos de investigación e divulgativos ou a creación dun novo número da revista dixital Muralla Aberta, que ademais de artigos inclúe os accións que realiza a UNED Senior en Lugo, Viveiro, Foz, Monforte de Lemos e Sarria.

Outro das accións importantes que se realizan é o mantemento e potenciación da web lugoculturadixital.es  para seguir xestionando as programacións e contidos dixitais que poidan xerarse nos colectivos do territorio. Así mesmo, continuarase coa difusión e mantemento do espazo audiovisual en Cadea Campus, unha rede social da UNED que conta con máis de 30 millóns de visitas e preto de 374 usuarios e usuarias.

A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso de colaboración coa UNED dende hai anos. A institución provincial financiou a construción da sede deste centro en Lugo, deixando de ser a única capital galega na que a Universidade a Distancia non tiña centro físico, e tamén axudou á súa consolidación, pois a día de hoxe inclúe 22 ofertas de titulacións de grao.

A institución provincial colabora cunha achega total de preto de 300.000 euros anuais coa Universidade de Educación a Distancia para gastos derivados do centro lucense e a posta en marcha de diferentes proxectos cos que o seu alumnado pode ampliar a formación. En conxunto, a Deputación apoia o ensino superior na provincia cunha aportación que ronda o millón de euros, entre a colaboración coa USC e da UNED a través de diversas vías.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.098013877868652