Tomé inicia no Valadouro o ciclo de reunións comarcais para coñecer as necesidades da Mariña

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, e a Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización, Pilar García Porto, presidiron este martes no Valadouro a primeira das reunións comarcais previstas no calendario anunciado pola Executiva Provincial.
Ao encontro asistiu a coordinadora comarcal, María Loureiro, acompañada polos voceiros, alcaldes, e secretarios xerais das agrupacións da Mariña. Durante a sesión, abordáronse cuestións que preocupan ao conxunto da cidadanía mariñá, como a situación industrial e laboral, a atención sanitaria, o transporte público e o mantemento dos servizos básicos, ámbitos nos que o PSdeG-PSOE reclama á Xunta “unha resposta seria e planificada”.
No relativo a economía e emprego, os representantes socialistas puxeron o foco na falta de estabilidade industrial e nas dificultades que seguen a padecer sectores estratéxicos da comarca, reclamando ao Goberno galego do Partido Popular “implicación real e políticas que impulsen o emprego e a recuperación da actividade produtiva na Mariña”.
En materia sanitaria, denunciaron o deterioro do Hospital da Mariña e a fuga de profesionais, unha situación que obriga a derivacións constantes a Lugo e deixa a moitos concellos sen cobertura médica suficiente. Os socialistas insistiron en que a Xunta “ten que deixar de mirar para outro lado e actuar de inmediato para garantir unha sanidade pública digna”.
José Tomé Roca explicou que este encontro “forma parte dun proceso de traballo que o PSdeG-PSOE está a desenvolver por toda a provincia para coñecer de preto as necesidades da veciñanza e das agrupacións locais”.
O Secretario Xeral sinalou que o partido xa comezou a preparar o vindeiro ciclo electoral: “imos presentar os mellores candidatos e candidatas, e os mellores programas para cada concello, elaborados a partir do que escoitamos nestas reunións comarcais”. Engadiu que “serán programas realistas, con propostas concretas para dar resposta aos retos que o PP está a deixar sen resolver nos concellos onde goberna, e onde é evidente o retroceso dos últimos anos”.
En referencia á situación política da Mariña, Tomé Roca subliñou que “un dos obxectivos é recuperar Viveiro, porque a moción de censura do PP foi un auténtico fiasco. Para o único que serviu foi para garantir o soldo da alcaldesa, non para mellorar a vida da veciñanza”. Fronte a isto, o PSdeG da provincia cre que vai conseguir máis Alcaldías na comarca da Mariña.
Ademais, o líder socialista advertiu de que “a Xunta de Galicia ten esquecida a costa de Lugo e segue sen dar resposta ás necesidades básicas da Mariña”. Neste sentido, reclamou “que se inicien dunha vez os trámites para a vía de alta capacidade que conecte toda a comarca, para unir a Mariña entre si e con Ortegal e Ferrolterra, impulsando así o desenvolvemento económico e a mobilidade do norte da provincia”.
Pola súa parte, Tomé Roca destacou a importancia de manter unha estrutura organizativa activa e en diálogo constante coas agrupacións, “tal e como me comprometín”. “O noso obxectivo é fortalecer o partido dende abaixo, escoitando á militancia e facendo que o PSdeG-PSOE siga sendo a referencia política e social da Mariña”, explicou.
Esta xuntanza no Valadouro marca o punto de partida dun ciclo de encontros comarcais que se desenvolverán nas vindeiras semanas en todas as zonas da provincia, co fin de dinamizar o traballo político, reforzar a coordinación e seguir construíndo un proxecto socialista útil e próximo á veciñanza, que contribuirá a mellorar os resultados no conxunto da provincia nas próximas eleccións municipais.