Todo preparado para a edición máis internacional do Resurrection Fest
O Resurrection Fest celebrará este ano a súa edición número 19. A organización espera unha asistencia de máis de 120.000 persoas desde o mércores e ata o sábado, coa participación de preto dun centenar de artistas nos catro escenarios do recinto. Inclúe entre os seus nomes algúns referentes internacionais como Alice Cooper, The Offspring, Avenged Sevenfold, Bring me the horizon, Megadeth ou Bruce Dickinson.
A deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, participou na presentación e visita ao recinto do Resurrection Fest de Viveiro, que arrancará este mércores grazas aos 150.000 euros que achega a institución provincial. Este evento, co que a Deputación de Lugo colabora desde os seus inicios, reunirá ata o sábado as mellores bandas do panorama internacional de hardcore, metal e punk na cidade do Landro.
“Recoñecemos a importancia deste festival non só como un evento cultural, senón tamén como un motor económico que dinamiza a nosa comarca, atraendo a milleiros de persoas de todas as partes do mundo”, apuntou Carmela López. Engadiu que “este fluxo de visitantes non só enriquece culturalmente a nosa terra, senón que tamén impulsa o sector servizos, xerando emprego e riqueza para moitos veciños e veciñas”.
Enmarcou a importante colaboración da institución provincial como “un reflexo do noso compromiso co desenvolvemento cultural e económico da nosa provincia”, porque “sabemos que cada euro investido en cultura é un euro que retorna ao noso territorio” e explicou que esta cita “concorda perfectamente co modelo de turismo polo que apostamos”. Sinalou estar segura de que esta nova edición “será todo un éxito, superando as expectativas dos anos anteriores”.
Público de 43 países
Segundo comentaron os organizadores durante a presentación, esta edición será a que reúna máis artistas internacionais; haberá público procedente de 43 países; e xa conta con 1.500 persoas apuntadas para casarse durante o festival, que organizará vodas por segundo ano consecutivo. O mércores 26 de xuño arranca o Resurrection Fest coas bandas Alice Cooper, Machine Head, ou Kerry King, entre outras. O xoves 27 de xuño será a quenda de grupos como Bring me The Horizon, Bruce Dickinson, ou Delain. O venres 28 de xuño, os asistentes poderán escoitar a The Offstring, Corey Taylor ou Sôber, entre outros. O sábado 29 será o momento de bandas como Avenged Sevenfold, Megadeth ou Electric Callboy.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou “o impacto internacional deste evento, que leva o nome da nosa vila por todo o mundo”. “Como acostumo a facer cada ano, esta presentación é un bo momento para lembrar tamén os comezos deste festival e o labor que tivo no seu nacemento Melchor Roel, naquel entón alcalde do Concello de Viveiro”, afirmou Loureiro. Ademais da categoría dos grupos participantes, “non deixa de medrar en todos os aspectos e Viveiro volverá converterse esta semana na capital europea do rock, o metal e o hardcore”, engadiu.
Para o Concello de Viveiro, “é un reto cada ano acoller o Resurrection Fest polos milleiros de persoas que nos visitan, e valoramos moi positivamente, como non podía ser doutra maneira, a repercusión do evento na economía local”. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou xunto o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na presentación da cita que un ano máis volve contar co apoio do Goberno autonómico no marco do traballo de Turismo de Galicia por impulsar os grandes concertos e festivais que sexan que de converter o turismo nun efecto tractor da economía local e consolidar a marca Galicia e Xacobeo de xeito internacional.
O director de Turismo salientou a consolidación deste festival nos seus 18 anos de vida que “que foi quen de poñer no mapa internacional a Mariña lucense a través dun traballo constante e coordinado cun festival que cada ano se reforza como atractivo turístico”, indicou. Neste sentido, salientou o importante papel que a Mariña lucense está a ter no turismo galego, ao converterse o ano pasado entre os cinco destinos nos que máis medrou a demanda, un 11 % neste caso.
Xosé Merelles salientou a importancia de que eventos como o Resurrection Fest estean a conseguir que o modelo turístico galego siga avanzando na diversificación, con oferta atractiva en distintos destinos, e que tamén demostre a capacidade da Comunidade galega para ser sede de grandes espectáculos. Como explicou, este tipo de eventos, relacionados con grandes concertos e festivais, ocupan un lugar destacado na xestión turística da Xunta, como demostra o apoio que Turismo de Galicia vén dando a estes festivais nos últimos anos.