Todo listo para o comezo do Ribadeo Indiano 2022
A vila está lista para a celebración do VII Ribadeo Indiano que arrinca esta tarde no Teatro ás 19.00 horas coa presentación do evento, ao que seguirá o pregón que pronunciará a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
Logo terá lugar o tradicional desembarco en Porcillán a partir das 20.30 horas. E xa pola noite haberá actuacións musicais no quiosco da música do Campo de San Francisco, entre outras actividades.
Durante a mañá do sábado abrirase o Mercado de produtos de ultramar e haberá diferentes actividades como un torneo de petanca e outro de billarda, visitas á Casa Indiana de don Inocendio ou á Casa do Óptico, así como paseos culturais polo legado indiano, unha xincana ou visitas teatralizadas. A música será unha peza fundamental nesta xornada que contará con recantos, co quinteto de acordeóns Lagunak, Son de Camagüey, Faíscas da Pontagra ou clases de bailes latinos.
O domingo 10 volverá o Mercado da horta coa alborada de Buxos Verdes, seguido dun coloquio cinematrográfico sobre a muller e a emigración, e espectáculos musicais como o da cantante mexicana Lila Downs e o xantar campestre no Círculo Habanero da Devesa. Este día tamén vovlerán as actividades como os paseos culturais, unha exhibición de vehículos clásicos e o esperado sorteo da viaxe a Cuba.
Poderase reservar calquera das actividades programadas no teléfono 982 128 689 ou na Oficina de Turismo de Ribadeo xa que hai prazas limitadas. Para a xincana haberá que facelo no correo xincanaribadeoindiano@gmail.com, e para o xantar campestre en Hotel Restaurante La Villa e Oficina de Turismo de Ribadeo.