Todo listo para a Xira de Santa Cruz, en Ribadeo

AMariñaXa
O Concello porá en marcha, por segundo ano, o Xirabús para facilitar a subida de xeito seguro e sostible
presentacion-Xira-santa-cruz
1 Ago 2024

Todo está listo para a celebración da Xira de Santa Cruz o vindeiro domingo, 4 de agosto. Esta festa de interese turístico de Galicia foi presentada a carón do monumento ao Gaiteiro. O Concello porá en marcha, por segundo ano, o Xirabús para facilitar a subida de xeito seguro e sostible. “Xa chega a Xira e dende a directiva de Amigos da Gaita animámosvos a todos a subir e pasar unha boa xornada con nós: comendo, bailando e disfrutando”, indicou a presidenta da asociación Amigos da Gaita Galega, Noelia García.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, tivo palabras de agradecemento para Amigos da Gaita: “Agradecerlle á asociación Amigos da Gaita, á que ademais téñolle un cariño especial posto que pertencín á directiva durante moitos anos. Así que un ano máis chega a Xira e hai que animar a esta xentiña nova que se decidiu a coller esta asociación tan bonitiña a que continúe con ese labor tan importante para a tradición, para a gaita, para o baile e para esta Xira de Ribadeo, esta festividade no monumento ao gaiteiro”.

Saiz animou “a todos os ribadenses e visitantes a que suban porque seguramente vai ser un día perfecto para pasar en familia e con amigos”. O alcalde, Dani Vega, quixo agradecerlle “a Amigos da Gaita, a coordinación que tivo co Concello, cos técnicos, de Cultura, de Turismo… Non nos esquezamos que esta é unha festa de interese turístico autonómico, en Ribaleo que temos dúas, debemos conservalas, debemos coidalas e mimalas, e dende logo é o que estamos facendo. Amigos da Gaita leva facendo isto moitos anos e lévao facendo moi ben, por iso desde o Concello, xa hai anos, viñamos repetindo e insistindo que débese coidar tamén a cotorna”.

Por iso, “ese bando que sacamos fai pouco tempo, acreditamos  perfectamente que o Concello quere coidar e preservar o monte de Santa Cruz. Por iso, o vemos ta bonito e o vemos tan arranxado, xa que levamos tempo facendo ese desmeste de árbores, conservando o entorno, arranxando as mesas, as churrasqueiras. Quédanos máis traballo por facer, pero nestes momentos, nesta segunda acción que fixemos, quixemos actuar aquí en Santa Cruz, en colaboración tamén coa Comunidade de Montes”.

Vega sinalou que Amigos da Gaita é “un exemplo en Galicia, por ter unha festa onde honramos ao Gaiteiro, estamos agora mesmo aquí, ao pé do Gaiteiro, feito por Faílde, un ourensán… honran ao Gaiteiro e á Gaita. Conservar, coidar a tradición, a música tradicional é algo importantísima”. Por último, animou a todas as familias, a todos os rapaces e rapazas de Ribadeo “a que acudan ao monte de Santa Cruz, que o coiden, pero tamén que coiden a tradición. Polo tanto, creo que entre todos estase facendo un traballo moi importante, e seguir loitando por esa festa da Xira de Santa Cruz, que é conservar o que é noso”.

O Concello de Ribadeo porá en marcha o servizo de Xirabús para acudir a Santa Cruz o vindeiro domingo de maneira segura e sostible. O Xirabús, de balde, partirá da estación de autobuses de Ribadeo de maneira ininterrompida desde as 12 da mañá ás 15.00 horas. E para a volta sairá de Santa Cruza desde as 23.00 horas ás 02:00 da madrugada. A Xira de Santa Cruz dará comezo o sábado, 3 de agosto, co pregón no Cine Teatro a cargo da Familia Mon ás 20:00 horas e a continuación actuarán as Escolas de Amigos da Gaita.

Xa o domingo, día 4, ás 12 horas pasarrúas con AC Ponte da Pedra, O Arco da Vella e CC A Ponte Vella. Á mesma hora actuación das Escolas de Amigos da Gaita no Cantón dos Moreno e despois subida a Santa Cruz: xantar, música, baile… Ás 19 horas terá lugar a ofrenda floral no monumento ao Gaiteiro. E ás 19:30 horas concertos de: Fransy González, Davide Salvado e Cibrán Seixo, Xurxo Fernándes e Pan Sen Fron.

0.13902997970581