Tiveron lugar as votacións ás vogalías das confrarías galegas

AMariñaXa
Tiveron lugar as eleccións ás vogalías das confrarías galegas. Na Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro tamén
31 Oct 2022

O pasado sábado 29 de novembro tiveron lugar as votacións do proceso electoral aos órganos de goberno da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, esta entidade pesqueira presentou candidatura pechada con 12 membros proclamados de antemán dun total de 16 que configuran a Asemblea Xeral da entidade.

Producíronse votacións no sector empresarial de altura e gran-altura onde se rexistrou un 78% de participación presencial, sen votos nulos, nin votos en branco. O sector de altura e gran altura elixiu 4 representantes do sector empresarial para a Asemblea Xeral.

Asemblea Xeral

Tras os comicios celebrados a Asemblea Xeral está constituída por 16 membros de forma paritaria; deles 8 son empresarios e outros 8 son traballadores. Dos 8 empresarios, catro pertencen ao sector de altura e gran altura; dous á baixura-artesanal, un a pesca de arrastre de litoral e un a recursos específicos (percebe). Da parte traballadora saen electos 8 traballadores/tripulantes.

O día 9 de novembro terá lugar a proclamación definitiva dos vogais que forman a Asemblea Xeral; o día 12 será a sesión constitutiva da Xunta Xeral e a toma de posesión, así como os nomeamentos do Cabildo e do Patrón Maior, e vicepatrones maiores, o cargo que recaerá, -con toda probabilidade ao non perfilarse candidaturas alternativas ao cargo-, na persoa de Domingo Rey Seijas, que ostenta o cargo desde o 4 de decembro de 2004 e que afrontará a súa quinta lexislatura á fronte da entidade pesqueira celeirense. O Cabildo estará integrado por un total de 8 membros, deles dous empresarios de altura e dúas de baixura, así como catro tripulantes.

Esta entidade, a Confraría de Celeiro celebrará o seu Centenario o próximo ano 2023, sendo a confraría máis antiga e de máis soleira de todas as existentes na costa de Lugo.

0.17866206169128