Testemuñas da pandemia: Nutricionista Noel López Pinín
O nutricionista Noel Pinín ten a sorte de non entrar dentro das actividades de peche forzado co cal pode seguir prestando os servizos mediante teletraballo, pero o confinamento afectou negativamente a moitas empresas na que se inclúe a súa, “é certo que non nos afectou tanto como a outras empresas xa que un dos servizos que ofrezo é o de asesoría online, pero a pesar diso o nivel de facturación baixou”, di Pinín.
Na súa empresa polo momento non solicitaron ningún ERTE, “sigo aguantando a toda a plantilla a pesar de que parte dela non está a traballar xa que o centro en Burela o temos pechado”.
“Moitos dos pacientes pausaron a asesoría coa intención de retomar cando pase o confinamento pero eso é algo que queda no aire, non se pode garantir”.
Grazas a que parte da facturación é online pode seguir manténdose pero si que é certo que de alongarse moito o confinamento terá que valorar a opción de reducir gastos e a primeira carta é a de reducir persoal. “Isto é un parche xa que de ser así tería que cancelar puntos de consulta como por exemplo Coruña, Ferrol... debido a que sería imposible abarcar tantos centros cun só nutricionista”.
Na súa opinión a administración debería suspender o pago de autónomos durante o confinamento, “creo que debería de dotarnos de axudas económicas a todos os autónomos non só aos que baixan o 75% a facturación xa que ao fin e ao cabo somos os autónomos os que estamos sufragando esta crise económica. Os funcionarios seguen cobrando igual e traballando menos, os políticos mellor non falar deles... é de chiste a política que temos neste país, non se libra ninguén e despois os asalariados dentro do malo gozan da paga do Estado en caso de acudir a un ERTE, é certo que no ERTE non cobran o 100% pero tamén é certo que os gastos no confinamento baixan, non hai vida social e iso nótase na capacidade de aforro. Sin embargo os autónomos seguimos pagando todos os gastos”.