Tentando consolidar en Barreiros

AMariñaXa
Tentando consolidar. O Bloque e os socialistas poderían volver a unir forzas para manter o equilibro municipal
Ana Ermida BNG Barreiros 7
14 Maio 2023

O BNG e o PSOE poderían volver a unir forzas para manter o equilibro municipal

A actual alcaldesa do BNG, Ana Ermida, alzouse coa Alcaldía barreirense no 2019 grazas ao apoio da socialista e cabeza de lista do PSOE, Carmen Veiga, quen tentará sumar algún concelleiro máis. A nacionalista volve presentar unha lista de persoas con experiencia en xestión. Pola contra, o PP, encabezado polo enfermeiro José Manuel Gómez Puente, intentará arrebatarlle a Ermida o bastón de mando, un cetro que foi popular dende o comezo da democracia.

BNG. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros reforzou a candidatura coa incorporación de cinco persoas de diversos perfís que “contribúen a ter un grupo diverso, representativo e con novas visións e propostas para o concello”, explica Ana Ermida.

A actual alcaldesa e candidata á reelección manifestou o “orgullo de seguir ampliando o grupo que apoia a candidatura do BNG en Barreiros, porque con estas cinco incorporacións gañamos en solvencia, ideas e diversidade; xa que se suman a todas as persoas que xa formaron parte da nosa candidatura hai catro anos e as que, sen aparecer nunha lista electoral, colaboran na preparación da campaña e nas ideas de goberno.”

O BNG volve presentar unha lista de vinte unha persoas -o máximo permitido para o seu concello- que “demostra a fortaleza do proxecto que o BNG comezou a implantar desde o goberno hai catro anos e que continuaremos a desenvolver despois do 28 de maio, cun grupo de traballo máis amplo e con novas ideas para poñer en marcha.”

Ana Ermida explica que nesta ocasión quixeron incluír novos perfís de persoas que demostran o seu amor por Barreiros e por un proxecto no que ninguén queda atrás. “Por iso apostamos por perfís de mulleres novas, diversas, con orixes distintas, pero ás que as unen as ganas de que Barreiros continúe avanzando e sexa un espazo máis plural, inclusivo e igualitario.”

A candidata nacionalista amosouse “orgullosa de contar con tanta xente disposta a poñerse mans á obra para seguir construíndo un Barreiros mellor, desenvolvendo a cimentación que comezou a colocarse nestes catro anos nos que xa se puideron ver cambios e avances.”

A candidata anunciou que o programa electoral centrarase en continuar e desenvolver o traballo xa iniciado nestes catro anos, baseándose na participación e a transparencia, no dinamismo social e económico, nos servizos para as persoas e na igualdade; “eixos sobre os que xa pivotaron as actuacións dos pasados catro anos e sobre os que continuaremos a apoiar as accións de goberno que se executen en Barreiros”, concluíu.

PP. O Partido Popular presenta unha candidatura amplamente renovada, cargada de ilusión e con profunda vontade de traballo ao servizo dos veciños. Así a define o candidato, José Manuel Gómez Puente, que explica que, dos 19 integrantes da lista, 15 son de nova incorporación.

O alcaldable destaca que na súa candidatura hai máis mulleres (10) que homes (9). Igualmente, pon de relevo o feito de que 8 das persoas que integran a lista teñen formación sociosanitaria, un aspecto relevante para un proxecto político -di Gómez Puente- que ten na súa folla de ruta como asunto prioritario a mellora dos servizos sociais no municipio.

Gómez Puente sinala: “Somos homes e mulleres que temos moitas ganas de traballar para mellorar a calidade de vida dos veciños de Barreiros; sabemos como mellorar os servizos que presta o Concello e temos vontade de chegar a acordos para conseguir recursos doutras administracións. Somos un equipo con moita ilusión e decisión para mellorar as cousas no concello de Barreiros e, se gobernamos, empezaremos a facelo dende o primeiro día”.

O alcaldable popular asegura que el e os que o acompañan na lista centrarán “todo o esforzo en conseguir investimentos e servizos para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.

PSOE. Carmen Veiga é a candidata do Partido Socialista e di que “levamos conseguido cousas moi positivas nestes catro anos e teño a ilusión e as ganas intactas para seguir traballando pola confianza dos meus veciños e veciñas, polo menos, coa mesma intensidade que ata o de agora”, asegura.

Entre os froitos do traballo feito neste mandato, no que asumiu unha tenencia de Alcaldía e a Concellería de Servizos Sociais, destacou a posta en marcha do servizo público de préstamo de material ortoprotésico, posible grazas a un convenio de 20.000€ asinado coa Deputación de Lugo.

Tamén resaltou que o Servizo de Axuda no Fogar está a atender a preto de 70 persoas sen listas de espera e que no peor da pandemia o protocolo implementado polo Goberno local evitou contaxios entre as persoas usuarias e as traballadoras. Ademais, subliñou o traballo realizado en rede co tecido asociativo de Barreiros.

Agora, quere seguir traballando para conseguir máis avances para os veciños e veciñas de Barreiros, en concreto, un Centro de Día e unha residencia, unha depuradora para a praia de Arealonga, un novo apeadeiro do ADIF, ou para poñer en valor o xacemento da Roda.

Veiga explica que quere facelo apostando polos servizos sociais de xeito transversal porque “os socialistas cremos na xustiza social e na igualdade de oportunidades e o Concello ten que ser a primeira man tendida para as persoas máis vulnerables. Ese é o meu compromiso”.

CANDIDATOS ELECCIÓNS 2023

PSOE

1. Carmen Veiga Rodríguez
2. Juan Bautista Cortiñas Pedreira
3. Jorge David Vázquez Grande
4. Benito Longarela Geada
5. María Jesús Jover-Peralta Pane
6. Felipe Fernández Recalde
7. Silvia Otero Moirón
8. María De La Luz Rodríguez Rico
9. Adrián Longarela Otero
10. Jose Antonio Otero Ramos
11. María Del Rosario Pardo Suárez
Suplentes:
1. José Terrón Cantil
2. Miguel Ángel Barrera Longarela
3. María Ángeles Moirón Otero

BNG

1 Ana Ermida Igrexas
2. Antonio Veiga Outeiro
3. Montserrat Porteiro Sánchez
4. Dámaso Ratoeira Basanta
5. Daniel García Fernández
6. Jesús Díaz Blanco
7. Ofelia Cebrián Paz
8. Ana López Pérez
9. Soraya García Díaz
10. Miguel Ángel Vilar Rego
11. Carlos Fernández Fraga
Suplentes:
1. Jennifer Cancio García
2. Diego Vizoso Castro
3. Sarai López Rocha
4. Carlos Baamonde Bermúdez
5. Mina Selouane Selouane
6. Pedro Villar Rodríguez
7. Belén Fernández Soto
8. Xoán Manuel Díaz Branco
9. Cándido Álvarez Veiga
10. Gloria Pérez Rodríguez

PP

1. José Manuel Gómez Puente
2. María Ramona García de Gabriel
3. Pablo Posada Rocha
4. María Mar Sante García
5. Manuel Alonso Díaz
6. María Leticia Fernández Rey
7. Laura López Paz
8. Carlos Pérez Martínez
9. Iván Otero Lende
10. Purificación Catalina Alvite
11. María Ángeles Sanjurjo
Suplentes:
1. María Silvia Fernández Martínez
2. Sonia Piñeiro Rúas
3. Paulino Loban Rodríguez
4. Yasmina Fernández Rivas
5. José Manuel García de Gabriel
6. Concepción Fernández Iglesias
7. Evencio Rocha Moreda
8. Juán Bautista Vila Lanzós

Carmen Veiga PSOE Barreiros 7
barreiros eleccions 2019
0.10808992385864