Tensión política en Ribadeo polo ton de Daniel Vega e co BNG marcando perfil propio no pleno

AMariñaXa
O grupo nacionalista acusa ao alcalde de faltar ao respecto á oposición, ao tempo que logra unanimidade na defensa do emprego en Alcoa e apoia melloras de infraestruturas
261021-Foto-Concello-Ribadeo
17 Sep 2025

O último pleno celebrado no Concello de Ribadeo deixou un ambiente cargado de tensión política e de contraste entre formas e propostas. O BNG denunciou a actitude do alcalde, Daniel Vega, ao que acusan de recorrer ás “invencións e faltas de respecto” como resposta á crecente dificultade de xestionar sen remanentes municipais. “Está claro que a falta de aforros e a súa mala xestión están a pasarlle factura, e por iso recorre á mentira e ao ataque contra a oposición”, subliñaron desde a bancada nacionalista.

Aínda así, o Bloque amosou disposición a apoiar iniciativas que considera positivas. Así o fixo, por exemplo, na moción para reclamar un novo acceso desde a A-8 a Ribadeo, á que engadiu unha proposta propia para mellorar a seguridade na Ponte dos Santos, coa renovación da varanda e dos elementos de protección, así como coa mellora do firme da autovía. Tamén respaldou a renovación da tubaxe de abastecemento de auga, unha infraestrutura clave que require da colaboración da Deputación de Lugo.

O BNG destacou a súa preocupación pola xestión económica do executivo local, acusando a Vega de ter “despilfarrado os aforros dos últimos anos” e de escudarse en argumentos falsos, como a imposibilidade de usar remanentes, cando “o verdadeiro problema é que xa non existen”.

Un dos puntos centrais do pleno foi a situación da planta de Alcoa en San Cibrao. A iniciativa presentada polo BNG, que instaba ao Goberno do Estado a pactar co comité de empresa medidas concretas para garantir o futuro da factoría e do emprego, foi aprobada por unanimidade. Para os nacionalistas, o acordo evidencia “a importancia de poñer o foco no sector industrial e de esixir feitos e non só palabras” diante da crise que atravesa a compañía.

Pola súa banda, o goberno municipal puxo o acento na mellora das infraestruturas. O alcalde lembrou o convenio coa Xunta para o arranxo da estrada de Rinlo, as xestións para a renovación da rede de abastecemento de auga ou as obras xa en marcha nos pavillóns da rúa Alfredo Deaño e de Cubelas. Ademais, reclamou á Deputación a súa colaboración para financiar o 50% destes proxectos, incluído o novo campo de herba artificial que demanda o crecemento do fútbol base.

O pleno, segundo destacou Daniel Vega, foi “positivo e centrado na xestión”, pero para o BNG puxo de manifesto dúas realidades: a súa capacidade de propoñer e lograr consensos en asuntos clave, e a crecente crispación política que atribúen ao rexedor popular.

⚙ Configurar cookies
0.10061001777649