Tensión en Alcoa tras unha carta de Álvaro Dorado aos traballadores
O comité de empresa de Alcoa debatirá en asemblea a celebración dunha posible folga tralo cruce de desmentidos sobre a reunión que tivo lugar en Pittsburg entre a ministra Reyes Maroto e o CEO da multinacional.
O proceso de venda da factoría de Alcoa San Cibrao volveu dar un novo xiro na xornada de hoxe cando o presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado, enviou un escrito aos traballadores no que informou de que non existe compromiso de venda directamente a un terceiro, como anunciou a ministra Reyes Maroto.
"Aínda que a Ministra propuxo accións que o Goberno podería tomar, a Compañía lamenta que non inclúan unha venda directa a SEPI. Durante a reunión, Roy accedeu a revisar a proposta do Goberno, pero non se comprometeu a realizar unha venda directa a un terceiro", explicou e reafirmou que "Alcoa está convencida de que a venda da planta a SEPI era a forma de dar maior seguridade, tanto aos traballadores como á empresa".
Mentres a ministra e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmaron ese punto de novo.
TRABALLADORES
Por outra banda, o comité de empresa solicitou unha reunión da mesa multilateral para aclarar as distintas versións que se deron da reunión entre a ministra e o CEO mundial de Alcoa en Pittsburg.
Así mesmo convocaron unha asemblea de traballadores. Esta terá lugar o venres, 23 de xuño, ás 12.00 horas diante do hórreo. A orde do día será en primeiro lugar informar sobre o proceso de venda da factoría a abordar a celebración dunha folga.