Tempo de Entroido

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
9 Mar 2023

Por Pablo Veiga

Nun anterior número do xornal, nesta mesma columna, aludiamos aos diversos actos que teñen lugar durante o nadal, tamén nas zonas rurais, onde se pretende na medida do posible xerar un ambiente de alegría, tratando de contaxiar o entusiasmo das datas no conxunto da poboación, desde nenos ata vellos, pasando pola xuventude e mediana idade. E claro que si, agradécese observar durante as últimas semanas do ano vello e as primeiras do novo esas luces de colores que chaman a atención, as cabalgatas de reis, os mercados navideños, representacións de beléns e demáis que contribúen a dar movida entre a veciñanza de vilas e aldeas.

Pois apenas corenta días despois, outra efeméride, esta moito máis pagá, ten lugar, O Entroido. Sen a duración das festas navideñas, este tamén se caracteriza polas comidas copiosas; os cocidos contundentes, logo das matanzas, póñense enriba da mesa. As partes do cocho son devoradas sen piedade, acompañadas deses grelos e caldo de  navizas, para rematar cos típicos postres de orellas e filloas. Se un dos propósitos mentres comíamos as uvas coas baladadas era facer dieta, nestes días ráchase por completo. A ver logo na cuaresma se lle damos unha tregua, despois de realizar as correspondentes análises médicas, nas cales o máis probable é que nos indiquen que nos estamos pasando un pouco.

E a esa característica gastronómica cómpre engadirlle o aspecto lúdico e festivo que rodea O Entroido. Reiteramos de novo, unha e outra vez, ainda que chegemos a ser cansinos, ao despoboamento e avellentamento da poboación rural galega, o que leva consigo que non se produza o desexado relevo xeracional, incidindo na perda de costumes que estaban tan arraigadas nas nosas comunidades. A calquera persoa maior pódeselle escoitar o que significaba esta época do ano, onde existía o hábito de disfrazarse, escollendo modelos que non precisaban de moita elaboración e nos que non se investía nin un patacón; as máscaras saían polos camiños, sendo recibidas en tódalas casas, nas cales comían e bebían. A colaboración veciñal era completa, contaxiándose todos desa alegría.

Na nosa bisbarra temos que recoñecer que os carnavales non teñen tanta significación como noutras partes do País, por exemplo a Ribeira Sacra ou na provincia de Ourense. Mais aínda así, con  maior ou menor intensidade, sempre se celebraron. Nos últimos tempos, agás os tres anos de pandemia, que todo o afectou, observamos como se intenta reanimar esta festa tan galega, tan nosa. Vemos que os concellos organizan actividades, as asociacións de veciños e por suposto, os colexios. Así, podemos visualizar chamativos desfiles e concursos de disfraces, desenfadados bailes ou suntuosos banquetes populares.

E todo vale se é por boas causas, como dinamizar as zonas rurais, fomentar a participación da xente nos actos e a colaboración entre as distintas xeracións. Por suposto, todo elo coa finalidade de disfrutar, porque a vida pasa moi axiña e convén, a poder ser, vivila con ledicia. O Entroido é unha desculpa para elo. Que non se perda e que continúe.   


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17881202697754