Teatro, proxeccións, música ou monicreques compoñen a axenda cultural de Ribadeo
O Concello de Ribadeo organiza diversas propostas e actividades culturais para o último trimestre do ano, que comezan este venres cun evento que houbo que adiar por causa dos incendios. Trátase da presentación do libro En Brandán de Lucía Ferro, veciña de Barreiros.
“Unha novela negra, pero con moito humor e personaxes normais, en palabras da autora”, explicou a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, que será na sala de presentacións da Casa do Viejo Pancho ás 20.00 horas.
Teatro afeccionado e profesional, proxeccións, música ou monicreques son algunhas das propostas da axenda cultural do Concello de Ribadeo para o último trimestre do ano. As actividades presentáronse este xoves da man da concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
Durante o mes de novembro, o mesmo espazo acolle, teatro afeccionado e profesional, proxeccións, música ou monicreques, como a presentación do libro da escritora arxentina de nai ribadense Ana Martínez, Federico Mediante. El Salgari español, "que tamén será difundida en senllas intervencións no Consello da Cultura Galega e na Casa de Galicia en Madrid”, engadiu a concelleira.
O domingo 22 tamén comeza a xeira de teatro profesional. “Desta vez, dentro do circuíto que para as compañías luguesas artella a Deputación de Lugo”, relata. A Compañía Solitaria do Dr. Monifate representa Batman, un home malo. Na vertente de teatro profesional, coa colaboración da AGADIC, chegará a Ribadeo Rara Avis, da compañía tamén lucense Lilá Teatro.
Igualdade e teatro
Ademais, inclúen a proposta da área de Igualdade do Concello de Ribadeo que trae á actriz Iria Pinheiro e á súa Miss España, unha montaxe escénica programada ao abeiro da celebración do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Pola súa banda, Os Quinquilláns representarán a obra 100 anos do Seminario de Estudos Galegos, unha proposta recomendada “por canto nos ilustra sobre un período vizoso da cultura galega e do importante papel que nese xermolar do Seminario tivo o noso veciño Francisco Lanza”, detalla Begoña Sanjurjo. No tocante ao teatro afeccionado, na última fin de semana de outubro acollen a XX edición da Mostra de Daniel Cortezón.
O audiovisual tamén forma parte da programación. Contarán coa proxeccións da multipremiada Matria, de Álvaro Gago Díaz, e O home e o can, de Ángel de la Cruz, un vello coñecido en Ribadeo pois no Concello rodou hai anos Os mortos van á présa.
As actividades tamén teñen en conta aos máis pequenos. Entre elas atópase Os Bolechas en familia, a adaptación dos Bolechas ao formato de monicreques. Outra é teatro musical xa para o tempo de Nadal, La gran aventura de los Reyes Magos, dirixida para toda a familia e tamén a programación de Nadal da EMMeD, que este ano repón o Quebranoces, da área de Danza da Escola.
Propostas para os cativos
Begoña Sanjurjo lembrou que o ciclo O Concello cos Coles xa comezou “achegando a todo o alumnado de primaria ás artes escénicas neste mes de outubro a través dos contos de Raquel Queizás, e que haberá tamén un pase da película Matria e da peza de teatro dos Quinquilláns para os niveis superiores dos centros”.
A edil ribadense indicou en decembro comezarán as XVII Xornadas Mar por Medio e coa IX edición do Festival de Jazz & Blues de Ribadeo e destacou o labor das entidades culturais do Concello. “A Coral Polifónica de Ribadeo é un piar fundamental na nosa programación ao longo de todo o ano. Neste trimestre organizan o concerto solidario a favor da loita contra o cancro, e a celebración de Santa Cecilia coa visita da Coral de Sotondrio, así como a actuación propia na igrexa de Santalla de Vilaousende”. Esta entidade rematará o ano co XXVIII Festival de Panxoliñas.
Outra entidade que desenvolve un importante labor de dinamización cultural é a AC Francisco Lanza. Da súa man, preséntase o libro editado pola Universidade de Vigo Literatura Galegoasturiana. Poesía. Prosa. Teatro e achegará o tema do nazismo e dos campos de concentración, onde estiveron mariñáns e mariñás.
“Unha charla, e unha exposición na sala de Turismo de Ribadeo, permitirannos coñecer mellor esta parte terrible da nosa historia con vestixios na nosa zona que aínda descoñecemos”. A BMMR tamén continuará cos tradicionais concertos de Santa Cilla e de Aquí como en Viena. Sanjurjo agarda que a veciñanza participe da vida cultural do Concello.