Teatro infantil esta fin de semana no Pastor Díaz
O teatro Pastor Díaz de Viveiro continúa este sábado, 27 de febreiro, a programación cultural. Será a vez de Ghazafelhos Teatro, que representa, ás 18.00 horas, a obra Pinocchio, dirixida a nenos a partir de cinco anos. Unha adaptación libre da obra de Carlo Collido por Pepablo Patinho.
Trátase dunha posta en escena que combina os títeres, teatro actoral e música en directo nun camiño cheo de humor e sensibilidade.
Xa en marzo, o día 6, ás 19.00 horas, Teatro Noroeste porá en escea Da avaricia, a luxuria e a morte, baseada na obra de Ramón María del Valle Inclán. E o 13 a actriz Isabel Risco representará Bravas, comedia de narración oral na que se mete na pel de distintos tipo de mulleres de varias épocas histórica. Está prevista para as sete da tarde.
A programación parará durante a Semana Santa para volver en abril, concretamente o día 10, ás seis da tarde. Trátase de Ummm!!, unha comedia musical para chupar os dedos, de Teatro Avento, e está destinada a nenos de entre tres e oito anos.
Continuarán o día 17, ás 19.00 horas, con Contraproduccións, quen porá en escena a comedia A compañeira de piso
coas actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero baixo a dirección de Belén Pichel e Cándido Pazó.
A programación chegará ao seu final o día 24, ás seis da tarde, coa compañía Pedras de Cartón, que representa Lázaro de Tormes, para nenos maiores de cinco anos.
Desde o teatro indican que esta programación pode cambiar en función das directrices sanitarias que se vaian marcando
pola pandemia. protocolo e entradas. O protocolo do covid-19 implica o uso obrigatorio da máscara, manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, o uso de xel hidroalcohólico e a limitación de aforo con asignación das butacas e agrupamentos familiares.
A reserva das entradas para cada función pode facerse a través do número de teléfono 982.56.01.62 ou do correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es, de luns a xoves.