Teatro hoxe e visita da Apalpadora mañá en Cangas
O Concello de Foz, coa Colaboración da Asociación Deportiva e Cultural Os Castros, presenta Costureiras, do grupo Tarabela Creativa de Santiago de Compostela. Trátase dunha función de narración oral a dúas bandas entre unha abadinesa afincada en Compostela e un cervense afincado na Coruña. Unha conversa desnortada de dous norteños: Ángeles Goás e Felipe Díaz (Caxoto).
Dende as lembranzas da infancia, dende as historias recollidas, dende a mirada actual da narración oral... estes dous narradores comezan unha viaxe onde os contos se preguntan e responden a si mesmos. A vida das costureiras era a vida de mulleres en casas alleas mentres levaban acabo a súa laboura. Era a vida nos camiños dunha casa á outra. Enriba das súas cabezas carregaban a máquina de coser e debaixo da máquina; mil cousas que pensar... mil cousas que contar. Un diálogo entre dous namorados da palabra contada e o público onde o tempo pasa sen deixarse sentir.... entre puntada e puntada, cosendo un espectáculo. En Costureiras Ángeles Goás e Caxoto Díaz fían unha historia con outra!.
A primeira actuación será no pavillón Os Castros de Cangas o domingo 3 de xaneiro as 18.00 noras cun aforo limitado e as medidas de protección asociadas a pandemia.
APALPADORA
Ademais, mañá, 4 de xaneiro, contará coa visita da Apalpadora do grupo Velaisca, a filla do lexendario Apalpador, que colle o testigo do seu pai e baixa nestas datas para visitar aos nenos e nenas galegas.
Será ela a que contará como é a vida na alta montaña e as súas marabillosas lendas. Para desexar un Bo Nadal trae froitos que recolle durante todo o ano e agasallos que fabrica ela mesma. Ven cos seus irmáns: O Xoven Apalpador que trae consigo unha maleta chea de natureza e as máis fermosas historias, e o Trotamúsico André, para mergullarse con cancións nas súas incribles andanzas. E un espectáculo para todas as idades de 1 hora de duración.
A actuación será no local da asociación cultural e deportiva O Castro, en Vilaronte, ás 18.00 hoiras cun aforo limitado e as medidas de protección asociadas a pandemia.