Teatro este sábado en Riotorto a cargo do grupo O Torques
O Concello de Riotorto acolle unha obra de teatro o sábado 13 de novembro ás 22.00 horas. A obra a representar será O Randiña e estará a cargo do grupo de teatro Torques de Burela.
Esta comedia está dirixida a un público adulto é unha peza orixinal creada por Juan Villarino, baseada nun personaxe real que dá nome á obra, na que se conta as peripecias deste vagabundo, O Randiña, no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar: un banco da praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, ao abuso e á marxinación tendo como única arma o seu enxeño e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír airoso.
A obra convídanos a facer unha análise do mundo que nos rodea e do papel que desenvolvemos na sociedade desde unha perspectiva diferente.