Teatro e cine, as tardes desta semana en Foz

Esta semana chega a Foz chea de actividades, tanto na Casa da Cultura coma na Sala Bahía. Haberá teatro e cine.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “a biblioteca municipal Salgado Toimil conmemora o seu día cunha obra de teatro infantil este mércores 22 ás 18.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura. A obra é As peripecias de Xurxo, de Malasombra produccións. A entrada é gratuíta”.
Ademais este xoves 23 ás 20.30 horas na Sala Bahía continúa o teatro de outono. A compañía Tarabela Creativa levará a cabo a representación da obra Boa Sorte, Mala Fama. “É un espectáculo que nace de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala: a historia da emigración galega e aqueles lugares onde gañamos mala fama por ir buscar a nosa boa sorte”, explica Inés López Couto. A entrada pode adquirirse por cinco euros.
E o venres 24 toca cine. Continúa o ciclo de cine Mestre Mateo ás 20.30horas na Casa da Cultura coa película + Cuñados. “É unha comedia con actores de sobra coñecidos por todos e coa que poderemos pasar un anaco agradable”, destaca a concelleira de Cultura. A entrada é gratuíta.
Estas actividades enmárcanse dentro do Outono Cultural organizado polo Concello de Foz.