Té verde con vistas

AMariñaXa
Por Rebeca Maseda Chámome Rebeca Maseda Longarela e son unha violinista de Mondoñedo.
8 Out 2020

Por Rebeca Maseda

Chámome Rebeca Maseda Longarela e son unha violinista de Mondoñedo. Unha das cousas que me encanta facer cando estou pola casiña é tomarme un té verde con vistas á Praza da Catedral. Non adoro traballar co ordenador, demasiado tempo só na compaña do meu violín e partituras, polo que sentarme nunha mesa dalgunha das cafeterías da Praza para deleitarme coa fermosa visión da fachada da Catedral co meu portátil e os meus pensamentos, é unha grandísima axuda para as benqueridas musas. E por suposto que non son a primeira mindoniense que practica este hábito, un dos nosos máis ilustres escritores, o gran Álvaro Cunqueiro, tamén desfrutaba das evocadoras vistas da praza, iso sí, sen portátil.

Hoxe quixera falarvos dunha auténtica xoia, seguramente descoñecida incluso para moitos mindonienses, o Arquivo de Música da Catedral de Mondoñedo. Levo uns días visitando o Arquivo para investigar e fotografiar partituras de compositores mindonienses ou vencellados á Catedral e canto máis afondo no delicioso material que atopo, máis abraiada me sinto. Qué auténtico tesouro por descubrir! De Pacheco a Mozart, de Pascual Veiga a Haydn, ouro puro en papel. Concretamente a figura de José Pacheco (Mondoñedo, 1784 – 1865) desperta en min especial interese. Neno do Coro da Catedral, Mestre de Capela, prolífico compositor que non só nos deixou infinidade de obras sacras e profanas, senón que no seu afán de modernidade, fíxose cun gran número de partituras dalgúns dos máis grandes compositores da historia da música como Mozart, Haydn ou Rossini. Algunhas delas copiadas do seu propio puño e letra, e outras compradas ou herdadas de importantes persoeiros da cidade de Mondoñedo como o Conde de Luaces, outra figura digna de explorar. Que gran home era Don José! Quen poidera viaxar no tempo e así poder botar unha ollada por algún recuncho da Catedral e observar a Pacheco cantando no Coro sendo todavía un cativo ou posteriormente compoñendo motetes e panxoliñas, fascinante... Non podo nin imaxinar a fervorosa vida musical no Mondoñedo de mediados do XIX, ao parecer moitísimo máis viva e rica que na actualidade.

Son moitas as historias, lendas e contos que rodean Mondoñedo e a súa Catedral, pero sen dúbida unha das máis lexendarias é a que concerne ao Mariscal Don Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira. Disque a lenda que un fatídico 3 de outubro de 1483 o nobre Señor do Castelo da Frouxeira foi degolado xunto ao seu fillo Pedro, na Praza da Catedral. Ao parecer a súa esposa, Isabel de Castro, filla do primeiro Conde de Lemos, voltaba de obter o indulto real cando foi entretida na Ponte do Pasatempo polas xentes do bispo de Mondoñedo, enemigo declarado do Mariscal. Desgraciadamente ao mesmo tempo acontecía o terrible suceso..., aquel que antano fora firme defensor de Juana la Beltraneja perde a súa cabeza, que xa desprendida do seu corpo, rodaba polas escaleiras da forca á vez que os seus beizos aínda replicaban: “credo, credo, credo”. E é que ao final vai resultar que, como sabiamente o gran Miguel de Cervantes nos apunta no seu Quijote, “con la iglesia hemos topado”... Afortunadamente parece que eses “tempos escuros” quedaron moi lonxe e hoxe podemos disfrutar das fermosas vistas que nos ofrece a Praza da Catedral sen medo a decapitacións, ou polos menos, no sentido literal da palabra.

Dónde quedou iso de sentar arredor dunha persoa para escoitar un bo conto! Cando pensamos nisto parécenos algo sacado dun pasado moi lonxano, ou polo menos, propio das historias que nos contaban os nosos avós dunha era pre-televisión, Netflix, Instagram e as miles de opcións que trouxo consigo Internet, algunhas fabulosas e outras non tanto.

Son tempos estranos para a reflexión e a introspección, ou simplemente, para abstraerse do mundo sen ter que, por exemplo, contestar as mensaxes pendentes de Whatsapp para que o móbil deixe de soar ou vibrar. Temos a sensación de que a vida pasara moi axiña, que debemos facer moitas cousas e ser “exitosos” en todo, pero en realidade o tempo non cambia, non foxe, o reloxo segue a ir á mesma velocidade que hai cen anos. Iso si, debo dicir que teño a percepción de que a sociedade actual non pasa polo seu momento máis fascinante, e non pola situación de pandemia global que estamos a vivir, que tamén, senón porque ás veces parecemos esquecer ou infravalorar aquilo que nos fai realmente únicos: a arte, a cultura. Só desexo que o valor esaxerado do diñeiro e as ansias de poder non rematen por colapsar a fina capa de humanismo que aínda nos queda.

Sen poñerme derrotista -cousa que non serve de nada- e recapitulando ideas, rematarei dicindo que me fai inmensamente feliz atopar eses remansos de paz e desconexión descubrindo auténticas xoias no Arquivo de Música da Catedral ou simplemente disfrutando dun anaquiño de abstracción cun bo té verde con vistas.

0.17116022109985