Talento e cultura cafeteira reúnense en Foz nun gran encontro hostaleiro internacional

Foz
AMariñaXa
O encontro, que se celebra no IES de Foz, combina competición, formación e divulgación da cultura do café entre profesionais e público
foz-campeonato-de-cata-cafe-2026--1
26 Feb 2026

Foz acolle estes días unha das citas máis relevantes do calendario formativo e hostaleiro internacional coa celebración do XVIII Campionato Internacional de Baristas e do XIII Campionato Internacional de Cata de Cafés.

O encontro desenvólvese nas instalacións do Instituto de Educación Secundaria de Foz durante os días 25, 26 e 27 de febreiro de 2026. A proposta está promovida pola Xunta de Galicia e intégrase dentro da rede de formación profesional, co obxectivo de fortalecer a capacitación do alumnado e dos profesionais do sector.

A competición reúne estudantes e especialistas procedentes de diferentes países, que demostrarán a súa destreza en probas técnicas vinculadas coa preparación, elaboración e servizo do café. Os participantes deberán superar retos relacionados coa precisión na extracción, a presentación das bebidas e o equilibrio de sabores e aromas.

Máis alá da dimensión competitiva, o campionato pretende difundir a cultura cafeteira e poñer en valor o traballo artesanal que existe detrás de cada preparación. Para iso programáronse actividades abertas ao público, como obradoiros formativos, degustacións comentadas e exhibicións prácticas.

Desde a organización sinalan que este tipo de eventos permiten “amosar o talento da mocidade que se forma nas escolas de hostalería e reforzar a profesionalización dun sector en permanente transformación”.

A programación, que xa comezou onte mércores 25, seguirá hoxe xoves 26 ás 09.00 horas co arranque do campionato de baristas. Ás 10.00 horas celebrarase unha proba de cata na aula de tueste, mentres que ás 14.00 horas terá lugar unha comida comunitaria no departamento de hostalería. Pola tarde continuará a competición e realizaranse exercicios de identificación de sabores e aromas. A xornada rematará cunha cea-tapeo ás 20.30 horas.

O venres retomarase a competición ás 09.00 horas. Ás 12.00 horas impartirase unha charla sobre o café de orixe de Indonesia, conducida por Raquel del Prado e Miguel Renau, da empresa Bean2be. Posteriormente, ás 13.00 horas, entregarase o trofeo Espírito Barista e proclamaranse os gañadores do torneo.

Con esta celebración, Foz reafírmase como un referente internacional no ámbito do café e da formación hostaleira, atraendo a centos de visitantes, profesionais e afeccionados que atopan na Mariña un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias arredor desta bebida.

0.11074209213257