'Tabú', espectáculo de Carmen Conde, dá inicio ao programa de Semana Santa de Cervo
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, presentaron o programa da Semana Santa do municipio.
Unha axenda que se inaugurará este mesmo domingo, 14 de abril, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura, co espectáculo de narración oral de Carmen Conde “Tabú”, que nace froito das conversas recollidas con mulleres galegas de entre 70 e 95 anos.
O Venres Santo, 19 de abril, o actor galego Pepo Suevos traerá un dos seus monólogos ao auditorio de San Ciprián, será as 19:30 horas.
Xa o sábado, 20 de abril, haberá un gran tributo a Joaquín Sabina, será ás 20:00 horas, tamén no auditorio da Casa da Cultura.
O domingo 21 será a asociación de veciños do Burgo de Trasbar a que celebrará a Festa de Pascua que terá lugar na chaira do local social. Ás 13:30 horas está prevista a actuación de “Dambara”, logo haberá misa, e xantar ás 15:00 horas.
A delegación de educación tamén programou diversas actividades para as crianzas e a mocidade. Así, o martes, 16 de abril, terá lugar un concurso infantil e xuvenil de espantallos, a partir das 17:00 horas, no campo de fútbol de Río Cobo. O xoves 18 haberá un taller infantil de mandalas, dirixido a pequenos/as de 3 anos en diante; será ás 11:00 horas no Ecomuseo de Cervo; e ás 12:00 horas dese mesmo día e na mesma ubicación, haberá un taller infantil sobre ciencia para nenos/nas a partir de 7 anos.
O venres, 19 de abril, o Ecomuseo de Cervo acollerá unha actuación de monicreques desde as 12:30 horas.
O sábado, 20 de abril, a mañá estará dedicada aos xogos populares, cunha actividade que terá lugar no Ecomuseo de Cervo, desde as 12:30 horas.
O público xuvenil tamén se tivo moi en conta á hora de elaborar a programación con actividades novidosas para a mocidade como o Laser Tag, un xogo deportivo que simula un combate entre dous equipos, que teñen que sumar puntos alcanzando con disparadores de infravermellos os dispositivos receptores que teñen os rivais. Será o luns 15 a partir das 16:30 horas, no Parque Reina Sofía, e está dirixido á rapazada que teña de 12 anos en diante.
O mércores, 17 de abril, haberá un Escape Room na Casa da Cultura, a partir das 16:30 horas. Trátase dun xogo de aventura físico e mental no que os xogadores deberán solucionar enigmas para conseguir saír da habitación antes de que remate o tempo.
O cine tamén terá o seu oco especial nesta Semana Santa en Cervo. O luns 15 proxectarase a película infantil “Anastasia” ás 19:30 horas; o martes 16 será a quenda do filme xuvenil “Mañana empieza todo” tamén ás 19:30 horas, e o mércores 17 poderase ver a película “El Gran Hotel Budapest”, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura.
Progamas Cervo Concilia e Enredos de Semana Santa
Como vén sendo habitual durante as vacacións escolares, a delegación de Educación programa unha nova edición de Cervo Concilia e dos Enredos de Semana Santa, para favorecer a conciliación das familias nestas datas de lecer.
Desenvolveranse o días 15, 16 e 17 de abril, na Casa do Mar e no Ecomuseo de Cervo. No Caso do programa Cervo Concilia, en horario de 9:00 a 14:30 horas; e nos Enredos de Semana Santa en horario de 12:30 a 14:00 horas, en ámbolos dous casos dirixidos ás crianzas de entre 3 e 12 anos.
Villares e Caramés destacaron que “se traballou na programación dunha axenda completa e variada coa que pretendemos chegar a todos os públicos, para que a veciñanza e as persoas que nos visitanten poidan gozar de actividades de ocio ao longo de todo esta período de lecer, e tamén co obxectivo de facilitarles ás familias do municipio diferentes alternativas para conciliar, na medida do posible, a vida familiar e laboral neste días festivos”.