Suspendida mañá a actividade lectiva nos centros educativos da Mariña por mor dunha alerta laranxa por vento en terra
A Comisión Escolar de Alertas vén de decretar a suspensión da actividade lectiva nos centros educativos da zona da Mariña Luguesa para mañá mércores por mor dunha alerta laranxa por vento en terra.
Esta suspensión aplícase durante toda a xornada de mañá para un total de 15 concellos do norte da provincia definidos no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia. Trátase dos concellos de Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove. Nestas zonas suspenderase toda a xornada o transporte escolar de uso especial.
A decisión foi tomada polo ente técnico logo de monotorizar a situación tras a acumulación de varios días de temporal e a coincidencia horaria coa actividade lectiva. A recomendación técnica fundaméntase en que, ao levar varios días consecutivos de forte vento e chuvia, aconséllase adoptar esta medida por precaución.
Tamén a Consellería de Política Social e Igualdade suspende a actividade nas escolas infantís 0-3 de titularidade pública autonómica e traslada unha recomendación ao resto de centros para que adopten a decisión acordada na Comisión Escolar de Alertas.
Cómpre lembrar que na Comisión Escolar de Alertas están representados a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a Dirección Xeral de Mobilidade e a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.