Susana Seivane presenta en Burela o seu novo disco
O sábado 15 de maio, ás 20:00 horas, Susana Seivane ofrecerá no Auditorio Municipal de Burela un concerto para presentar Dende o meu balcón, o seu 6° disco que supón o retorno ao sustrato ancestral sobre o que construiu a súa carreira e que ten como fío conductor a riqueza do patrimonio musical galego e a posta en valor dos novos talentos que compoñen en base á tradición.
Esta volta á orixe xurde a partires dun proceso onde a identidade artellou unha catarse colectiva para miles de persoas no mundo a través da interpretación de Susana dos temas recollidos no disco durante cada noite do confinamento. Inconscientemente a procura dos acervos serviu de catalizador da resistencia e precisamente o descubrimento desta condición foi o que a levou a compilar os temas interpretados neste novo traballo discográfico.
O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero ou Suso Vaamonde entre outros forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades. As entradas estarán dispoñibles na billeteira por 5 euros.