Supervisan os investimentos en alumeado na Pontenova
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, realizaron hoxe unha visita ao lugar de Foxas para comprobar os traballos de mellora da eficiencia enerxética realizados no municipio e que foron subvencionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Isabel Rodríguez informou de que o Ministerio colaborou co Concello da Pontenova na mellora do alumeado público exterior do municipio, ao que dedicou unha achega de 112.282 euros para un proxecto que supuxo un investimento total de 138.299 euros.
Isabel Rodríguez destacou que “esta actuación realizada na Pontenova enmárcase nun relevante programa de respaldo aos concellos da provincia por parte do Goberno para facilitarlles que melloren a eficiencia enerxética tanto do alumeado público como das dependencias municipais”.
“Con estes proxectos, que subvenciona na provincia o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), axudamos aos concellos a contaminar menos e tamén a aforrar no gasto corrente pola factura do consumo de enerxía”, manifestou a subdelegada.
Pola súa parte, Darío Campos explicou que a actuación realizada na Pontenova permitiulle ao Concello un importante aforro na factura do alumeado público, que se calcula no 50% do custe anterior, así como reducir en 44,22 toneladas anuais as emisións de CO2 á atmosfera.
O alcalde tamén informou que o proxecto apoiado polo Ministerio, a través do IDAE, supuxo a instalación dun total de 482 novas luminarias en distintas puntos do concello, posto que, ademais de en Foxas, o proxecto abrangueu o Polígono, varias rúas da vila da Pontenova, así como Coba, Saldoira, Cabana, Vilar das Pedras, Liñeiras, Curras, Acebro, San Esteban, Vilaouruz, Santalla e Goios.
AXUDAS DO IDAE
As axudas concedidas polo Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, convocáronse polo Real Decreto 316/2019, do 26 de abril, polo que se regulan as subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan a transición cara a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER Plurirrexional de España 2014-2020.
Os proxectos beneficiarios das achegas deben axudar á redución das emisións de CO2 con accións que melloren a eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos, que fomenten a mobilidade urbana sustentable ou que potencien o uso das enerxías renovables de usos térmicos, así como o autoconsumo eléctrico.