Supervisan en Cervo o tinguido de augas na Limosa e no río Xunco
O Concello de Cervo segue moi de preto a evolución do tinguido das augas da praia da Limosa, en San Ciprián, e do leito do Río Xunco, en Cervo; provocado a raíz dos episodios de chuvia intensa que se viviron nestes días pasados; que derivaron na acumulación de material inerte en ámbolos dous escenarios.
No caso do areal, tras ser coñecedores da situación, a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, púxose en contacto cos responsables da empresa que sosteñen que a cor vermella das augas é froito do arrastre do material importado de Guinea, a consecuencia das elevadas precipitacións rexistradas.
Pola súa banda, o tinguido branco do Río Xunco é provocado polo arrastre de material inerte procedente das balsas de decantación das minas de caolín, inoperativas desde fai máis de 5 anos.
Desde o Concello estase en contacto coa Comunidade de Montes e tamén coa nova empresa adxudicataria que en datas próximas volverá explotar a mina; o que implicará tamén un reforzo das tarefas de mantemento, que nestes intres, á vista dos feitos e trala acumulación desa materia inerte no río, non son as desexables.
Os feitos, tanto no caso da Praia da Limosa como do Río Xunco, foron postos en coñecemento das autoridades competentes en materia medioambiental para a súa valoración.