Sumoas prepárase para celebrar as festas na honra a San Antón cunha gran churrascada

A parroquia de Sumoas, no concello de Xove, quenta motores para vivir esta fin de semana as súas festas patronais en honra a San Antón, cunha programación que arrincará o venres 1 de agosto cunha gran churrascada pensada para reunir á veciñanza arredor da mesa.
A Asociación de Festejos Rodraguel, entidade encargada da organización, fixo pública a súa invitación para que tanto os residentes como visitantes se acheguen a gozar dunhas xornadas festivas marcadas pola tradición e a convivencia. “Queremos que todo o mundo veña e se divirta connosco. As festas de Sumoas sempre foron un punto de encontro para a parroquia e tamén para a xente doutros lugares que se achega cada ano”, manifestaron membros da comisión.
A presentación oficial do cartel tivo lugar recentemente, coa presenza de dous representantes da organización, Leandro Quelle e José Manuel Franco, que estiveron acompañados polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e pola concelleira de Cultura, Mª Dolores Meitín. Dende o Concello expresouse o apoio a esta celebración popular, que cada verán mobiliza á comunidade local e dinamiza a vida social da parroquia.
A programación completa das festas será dada a coñecer nos próximos días, mais os organizadores avanzaron que, ademais da churrascada, haberá música, actividades para todas as idades e actos relixiosos en honra ao patrón. Unha oportunidade para festexar en comunidade e manter viva unha tradición que forma parte da identidade de Sumoas.