Summertime

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
Rebeca-Maseda--Artigo-xullo-25-
1 Jul 2025

Por Rebeca Maseda

Finalmente…. Chegou o verán! Esa época do ano na cal a xentiña do norte vive de portas para fóra e a do sur intenta sobrelevar a calor como pode. Levo un ano e pouco vivindo en Sevilla e a xente que me coñece ben sabe que son a máis norteña do universo e que a vida a vinte graos faime moi feliz.

Pois ben, ao bo tempo, boa música e precisamente disto quero falarvos nesta ocasión. Porque se hai unha canción que soa a sol, a noites longas e a brisa morna que che roza os pés descalzos, esa é Summertime. Ese tema que semella que foi escrito para poñerse a mirar o ceo sen facer nada máis. Pero ollo, que detrás desa melodía suave e case hipnótica hai unha historia ben curiosa.

A canción foi composta en 1934 por George Gershwin, un xenio neoyorquino que mesturou como poucos o jazz co clásico, o gospel coa ópera, e que tiña esa capacidade máxica de facer que todo parecese sinxelo cando en realidade era un malabarismo musical. O tema forma parte da ópera “Porgy and Bess”, estreada en 1935 e baseada nunha novela de DuBose Heyward, quen tamén colaborou na letra da canción.

A idea era crear unha especie de berce cantado, unha nana que recollera a alma e a tradición espiritual afroamericana. E vaia se o conseguiu. A primeira vez que soa Summertime na ópera, unha muller negra canta para acougar ao seu bebé mentres lle promete un mundo mellor que, paradoxalmente, sabemos que case seguro non chegará nunca. Así de potente é a cousa: sinxela en forma, pero profunda como un pozo sen fondo.

E agora chega o punto no que entra ela, a raíña indiscutible: Ella Fitzgerald. Se Summertime xa era boa, cando ela lle mete a voz… xa non hai marcha atrás. Foi nos anos 50 cando Ella, xunto con Louis Armstrong, gravaron unha versión que fixo historia. A voz de Ella é coma un refresco de limón nun día de calor pegañenta: clara, elegante e ao mesmo tempo chea de forza. A súa interpretación converteu Summertime nun estándar do jazz, deses que todo músico quere tocar polo menos unha vez na vida.

Pero o máis tolo de todo isto é que Summertime é, atención, unha das cancións máis versionadas da historia. Calcúlase que existen máis de 25.000 versións. Dende Billie Holiday ata Janis Joplin (cunha interpretación desgarradora que parece que vai arder o mundo), pasando por Norah Jones, Miles Davis ou mesmo Sublime, aquela banda de ska-punk dos noventa. Un auténtico fenómeno musical que, con cada nova versión, segue renacendo, coma o verán cando chega de novo tras meses de frío.

Hai quen di que Gershwin se inspirou no espiritual negro Sometimes I Feel Like a Motherless Child, pero o certo é que el pasou bastante tempo mergullándose na cultura sureña, intentando captar a esencia da música da comunidade afroamericana. Non foi un copia-pega nin moito menos. Foi un traballo de escoita e respecto, algo que se nota no resultado final.

Así que, xa sabedes: se neste verán vos dá por poñer música mentres vos tomades algo fresquiño, deixade que soe Summertime. E se podedes, buscade a versión de Ella, porque, amigas e amigos, hai cancións que son eternas, e esta é unha delas. Unha desas xoias que consegue que, por uns intres, todo pareza estar no seu sitio.

E como diría a propia canción...
“Summertime, and the livin’ is easy…”

⚙ Configurar cookies
0.16839909553528