Suárez Barcia non se presentará ás vindeiras eleccións

AMariñaXa
O BNG de Ribadeo fixo público que o alcalde ribadense, Fernando Suárez, cesará no seu cargo cando finalice a súa lexislatura.
corporacion concello ribadeo BNG
17 Dec 2022

O alcalde nacionalista ribadense, Fernando Suárez Barcia, comunicou nunha rolda de prensa celebrada hoxe 17 de decembro, que non se presentará como candidato ás vindeiras eleccións de maio 2023.

Será Pablo Vizoso Galdo, o tenente de alcalde e concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, quen encabece a candidatura do BNG para maio.

Así, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo convocou aos medios ao Parador de Turismo para comunicarlles a súa decisión de cesar no cargo ao final da lexislatura e non volver presentarse.

Estes rumores xa se viñan sucecendo dende fai días na comarca e xa se plantexaron noutras ocasións na organización do BNG, pero nesta ocasión son definitivos.

Polo momento descoñécese se Súarez Barcia regresará á súa praza na administración pública de Vegadeo.

Fernando Suárez é alcalde do Concello de Ribadeo dende o ano 2007, cando sucedeu a Balbino Pérez Vacas, do PSOE. Obtivo coa súa formación un 30,77% dos votos totais nas eleccións municipais celebradas ese ano, sendo a forza política máis votada e ocupando catro escanos no Concello (sobre 13), cos que formou grupo de Goberno.

No 2011 revalidou o seu cargo con maioría absoluta (7 escanos de 13 ata 2015, 10 de 17 de 2015 a 2019, 7 de 13 de 2019 en diante).

BNG DE RIBADEO

O BNG agradeceu o inmenso labor levado a cabo por Fernando Suárez Barcia e mostra todo o seu apoio ao candidato á alcaldía, Pablo Vizoso Galdo.

"Mostramos a nosa satisfacción polo labor realizado, tamén comunicamos á sociedade ribadense que, sen deixarmos de cumprir coas nosas responsabilidades de goberno, fomos quen de elixir unha persoa que releve a Fernando Suárez Barcia. Trátase do noso compañeiro Pablo Vizoso Galdo, actual tenente de alcalde e concelleiro", dixeron dende o partido.

"Pablo Vizoso ten demostrado ao longo deste mandato a piques de rematar a súa valía como responsábel público", engadiron,  "xestionou áreas importantes para a vida do Concello".

0.21433305740356