Sortean unha viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano

AMariñaXa
Os establecementos asociados a Acisa repartirán 160.000 rifas entre o 21 de xuño e o 14 de xullo
presentación-sorteo-viaxe-a-Cuba
20 Xuño 2024

Os establecementos asociados a Acisa repartirán 160.000 rifas entre o 21 de xuño e o 14 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a Cuba no marco do Ribadeo Indiano 2024. Será tras o remate do concerto que Vicente García ofrecerá na rúa San Roque. A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou que tras o éxito que tivo esta iniciativa De Ribadeo a Cuba nas edicións pasadas consideran que non podía faltar este ano.

“Será a cuarta vez que desde o Ribadeo Indiano enviemos ás Américas a unha parella no mes de setembro. Dende Acisa estamos a traballar para premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas e será para desfrutar do 8 ao 15 de setembro de 2024”. O premio cubre o vo Madrid- Habana-Madrid, así como as estancias en hoteis de 5 estrelas (aloxamento e almorzo) tanto en La Habana como en Varadero, o visado a Cuba e o seguro básico de viaxe, entre outros complementos extra.

Participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 21 de xuño o 14 de xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo De Ribadeo a Cuba será presencial o dia 14 de xullo tras a actuación de Vicente García. “É moi importante destacar e incidir en que a rifa debe conservarse ata o mesmo 14 de xullo e que ese día de 12 da maña a nove da noite, as persoas que teñan rifas no seu poder, deberán introducilas na urna que estará instalada fronte aos Cocos”.

Na urna deberá quedar a parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, indicou que “o Concello e Acisa traballamos desde hai meses estreitamente na organización do Ribadeo Indiano, que será unha cita moi especial neste 2024”. Contarán cun amplo programa de actividades, que xa están en marcha, e inclúe importantes novidades como a merenda campestre e o concerto de Roi Casal en Pedro Murias o día 6 ou o espazo gastronómico do que disporemos no centro social para poder atender á grande demanda existente do 12 ao 14 de xullo. “Este importante evento culminará no barrio indiano de San Roque co concerto de Vicente García e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas o día 14”.

0.16981792449951