Sons de Celeiro: música, compromiso e unha ausencia que doe

Por Ana Somoza.
O director da agrupación Sons de Celeiro, Daniel Caxete, recorda con claridade como xurdiu aquel proxecto que, máis dunha década despois, continúa a ser unha referencia cultural en Viveiro. “Foi arredor do ano 2012 cando todo comezou”, explicaba. O impulso inicial partiu dun vello amigo, Bernardo Fraga, daquela presidente de Penalba e hoxe integrante do grupo político Por Viveiro. El foi quen tivo a idea de crear “algo musical, un grupo ou algo pequeno”, lembraba Caxete.
O propio director recoñecía que aceptou o reto con condicións: “Eu díxenlle que tiña que ser un proxecto serio, que senón non o facía”. Así naceu Sons de Celeiro, un nome que, segundo destacou, foi tamén un acerto do propio Fraga, quen bautizou á agrupación. O tempo acabou por darlles a razón: dende aquela, a formación consolidouse con discos, concertos e un traballo constante a prol da música mariñeira e da memoria dun pobo.
HISTORIA E FILOSOFÍA.
Daniel Caxete relataba que Sons de Celeiro se formou cunha vocación moi clara: interpretar cancións vinculadas ao mar e á tradición. “O noso repertorio é de canción mariñeira, incluso facemos unha variedade de baladas, habaneiras, algún fado...”, enumera. A aposta pola creación propia é case absoluta: “O 99 % son cancións nosas, escritas por min”, sinala con orgullo.
Nos tres discos xa editados, con arredor de quince temas cada un, aparecen esas composicións que falan “do mar, do barco, da xente mariñeira”, aínda que tamén se inclúen versións adaptadas ao estilo propio do grupo. “Fixemos á nosa maneira a mítica Catro vellos mariñeiros”, lembra.
Na actualidade, Sons de Celeiro conta con doce cantantes e un técnico de son. A independencia organizativa é outro dos sinais de identidade: “Temos o noso propio equipo, polo que os sitios onde nos contratan ou actuamos solidariamente non teñen que poñer o material”, subliña Caxete.
A filosofía, insiste, é clara: “O que queremos é divulgar a nosa música e que a xente nos escoite e desfrute”. Ese empeño tradúcese tamén no mantemento dunha canle de Youtube, con arredor de sesenta vídeos dispoñibles para quen queira coñecer o seu traballo.
UN LABOR CULTURAL E SOCIAL.
Pero Sons de Celeiro non se limita a actuar en escenarios ou festivais. A súa actividade, en palabras de Caxete, é “nun 70 % altruísta ou solidaria”. Relata que en Celeiro xa organizaron cinco ou seis festivais en colaboración con Cáritas e, cada 12 de xullo, durante catorce anos cantan na misa en honra aos náufragos falecidos na Galerna. “Nunca cobramos absolutamente nada, e o seguiremos facendo mentres o grupo siga vivo”, asegura.
As aparicións en espazos televisivos como Luar tamén forman parte do historial da agrupación, que se move sempre entre a difusión cultural e o compromiso comunitario.
CELEIRO E VIVEIRO NA MÚSICA.
Un dos piares da agrupación é o orgullo de lugar. “Se hai algún grupo que defenda a cultura de Viveiro ou Celeiro a través da música, somos nós”, afirma o director. Nos discos sempre reservan espazo para cancións dedicadas á vila. “Temos un tema, ‘O Estandarte’, que fala do barco o día da procesión; e outro, ‘O Barco’, sobre cando as embarcacións saen cara a Gran Sol”, explica.
Ese último tema, engade, leva unha fonda carga simbólica. “Ten unha tendencia relixiosa, pois os barcos antes de saír pola ría adiante tiran cara o Ecce Homo, botan unhas moedas e despois xa dan media volta e marchan”, detalla. O retrouso, recordaba, comeza con ese verso tan evocador: “O barco pon proa ao santo, o mar é un manto de azul celeste”.
RETOS DE FUTURO.
Preguntado polos retos, Caxete é directo: “Agora mesmo o que buscamos é financiamento para a gravación do novo disco, do que xa temos as cancións listas”. A vontade creativa segue intacta, pero o factor económico converteuse nun muro difícil de salvar sen axudas.
A POLÉMICA AUSENCIA NAS FESTAS.
O tema que marcou a actualidade recente foi a ausencia de Sons de Celeiro das festas patronais e de verán de Viveiro en 2025. O propio director recoñece que se viron obrigados a facer público un comunicado porque “a xente preguntábanos pola rúa e nas redes sociais os motivos da ausencia, e queriámolo deixar claro”.
Segundo relata, nun primeiro momento o novo goberno municipal confirmáralles a súa participación. “A alcaldesa chamounos e preguntámoslle se contarían con nós este ano. Ela dixo que si, que non había problema”, aseguraba. Porén, poucos días despois chegou a sorpresa: “Chamou a parte do grupo para preguntarlle se cobrabamos. Isto xa me estrañou moito, pois unha alcaldesa debería saber se cobramos ou non, porque as contas están alí”, apunta.
A resposta oficial foi que “non había orzamento” para pagarlles. Ante esa situación, a agrupación tratou de buscar unha solución. “Dixémoslle que podíamos baixar algo o diñeiro, ou actuabamos este ano e nos presupostos do vindeiro metían o deste ano e punto. Máis claros e máis colaboracionistas non puidemos ser”, explicaba Caxete.
A DÚBIDA SOBRE O ORZAMENTO.
No comunicado emitido, Sons de Celeiro puxo en cuestión a escusa económica. “Esta decisión parécenos difícil de comprender, especialmente cando o Concello anunciou hai uns días subvencións por un total de 188.000 euros para a promoción turística e cultural”, sinala. A pregunta que lanza é contundente: “Se non se nos paga nunhas festas patronais, cando se nos vai pagar?”.
O IMPACTO NA VECIÑANZA.
A exclusión das festas de Viveiro ten unha dimensión que vai máis alá do grupo. “Non só nos deixou fóra dunhas festas nas que participamos dende hai anos, senón que tamén mostra unha falta de consideración cara ao traballo dos artistas locais”, afirma o director.
Lembra que Sons de Celeiro nunca contou con subvencións nin axudas de ningunha Administración, pero iso non significa que non precisen recursos: “Necesitamos dun orzamento para poder seguir creando e cubrindo os gastos que xera o grupo, como calquera outro proxecto musical”, recalca.
UN VÍNCULO CO PÚBLICO.
Caxete insiste nunha mensaxe de gratitude e desculpas ao público fiel que sempre os acompaña. “Gustaríame pedir desculpas porque quixemos estar co noso público nas festas”, lamenta. Ao mesmo tempo, quere transmitir esperanza: “A vida continúa e poderán desfrutar da nosa música noutras ocasións, e noutros festivais”.
SONS DE CELEIRO, UN PROXECTO VIVO.
O percorrido de Sons de Celeiro é a historia dun grupo que se fixo forte grazas á unión entre música, identidade e compromiso. Dende aquel 2012 no que dous amigos soñaron cun proxecto ata hoxe, a agrupación mantivo unha traxectoria chea de esforzo, de creacións propias e de colaboracións solidarias.
O futuro inmediato pasa pola edición dun novo disco e pola continuidade dun traballo que, segundo o seu director, segue a ter sentido porque “o que queremos é divulgar a nosa música e que a xente nos escoite e desfrute”.
A ausencia nas festas de Viveiro deixa un baleiro evidente, pero tamén reforza a mensaxe de Sons de Celeiro: a defensa da cultura local, da memoria mariñeira e da voz dun pobo que se recoñece nas súas cancións.