Sons de Celeiro denuncia a súa exclusión das festas patronais de Viveiro por falta de orzamento

AMariñaXa
O grupo critica que a decisión chega malia anunciarse recentemente 188.000 euros en subvencións para promoción cultural e turística
Sons-de-Celeiro-grupo-musica
15 Aug 2025

O grupo musical Sons de Celeiro fixo público un comunicado no que explica os motivos polos que non participará na programación das festas patronais e de verán de Viveiro 2025. Segundo relatan, tras o cambio de goberno municipal en marzo, no mes de xuño contactaron co novo executivo para saber se contarían con eles, como viña sendo habitual dende hai anos. Nun primeiro momento recibiron confirmación, pero poucos días despois informáronlles de que non sería posible “por falta de orzamento”.

A agrupación considera esta decisión difícil de comprender, sobre todo porque o Concello anunciou hai uns días subvencións que suman 188.000 euros destinadas á promoción turística e cultural. “Esta situación non só nos deixa fóra dunhas festas nas que participamos dende hai anos, senón que tamén amosa unha falta de consideración cara ao traballo dos artistas locais”, indicaron. Recordaron que Sons de Celeiro non recibe subvencións nin axudas de ningunha administración, polo que dependen destas actuacións para financiarse e cubrir gastos.

O grupo quixo deixar claro que non actuará gratis nunha programación oficial, aínda que si participa altruistamente en eventos benéficos. “Non é aceptable que se pretenda soster unha programación cultural a costa do traballo non remunerado dos artistas locais”, subliñaron, reclamando respecto e dignidade para o seu labor, así como unha xestión transparente e equitativa dos recursos culturais.

No comunicado, Sons de Celeiro acompañou as súas palabras cunha carta de felicitación do propio Concello pola súa traxectoria, na que se destacaba a difusión do nome de Celeiro e Viveiro a través da súa discografía e actuacións. Agradeceron o apoio do público e expresaron o seu desexo de seguir levando a súa música a diferentes escenarios, como fixeron sempre.

⚙ Configurar cookies
0.21213102340698