Sonia Expósito substitúe a Arantxa Incera como concelleira en Alfoz tras a súa renuncia

AMariñaXa
A retirada oficial de Incera por motivos laborais farase efectiva no vindeiro pleno.
17 Abr 2024

A retirada oficial de Incera por motivos laborais farase efectiva no vindeiro pleno. “A miña sorpresa foi cando me dixeron que se filtrara”, explica

Sonia Expósito substituirá á concelleira socialista Arantxa Incera tras a súa renuncia por motivos laborais. Incera, que ocupaba a terceira Tenencia de Alcaldía e era a responsable da Concellería de Cultura, deixa de prestar as súas funcións públicas logo de estar un tempo compaxinando a súa labor na corporación cos seus estudos. “É complicado e chega un momento que non podes estar ao 100 % no Concello, estás sacando tempo de onde non o tes, aínda roubándollo á familia para sacar adiante as cousas. Entón por responsabilidade paso o testigo”, asegura.

O relevo tómao a número catro das listas socialistas alfocense, “unha rapaza moi competente, nova, que nunca tivo responsabilidades políticas pero que vai estar a altura sobrada”, afirma Incera. A número dous das filas socialistas nos comicios de maio vai seguir colaborando co Goberno local e coa súa substituta. “Eu vou estar para botarlle unha man no que necesite. Xa estivemos falando e estamos pendentes de ter unha reunión e sabe que conta comigo. Seguirei estando para a miña agrupación socialista e para o meu partido”.

A renuncia oficial farase efectiva no vindeiro pleno, o día 25, cando Arantxa esperaba comunicar publicamente a súa marcha. “A miña sorpresa foi cando me dixeron que se filtrara a miña renuncia, que metera por rexistro o día 6 en comunicación á Alcaldía, ao que temos acceso todos os concelleiros e concelleiras. Alguén, que non foi nin do PSOE nin de VIA, filtrou ese documento”.

Á socialista preocúpalle que “agarren e collan documentación interna e fagan mal uso dela, non é a primeira vez que os do PP collen documentación que hai no rexistro para usos que dende logo non son lícitos e o problema non é que se faga comigo, senón que se poida facer con calquera documento que calquera persoa meta por sede electrónica no Concello de Alfoz”. Para ela “unha cousa é a transparencia e outra o mal uso, e cando es concelleiro tes que ter sentido común”.

0.22113013267517