Son Burela denuncia o descenso do 40 % dos usuarios da Escola de Música pola xestión municipal
Dende Son Burela lamentan a actuación do equipo de goberno con respecto á Escola Municipal de Música. “É un claro exemplo da súa pouca capacidade de xestión. Dende que asumiron o cargo en xuño de 2023, non foron capaces de xestionar con éxito ningún curso”, asegura o concelleiro Alberto Eiroá. A poucos días de comezar o novo curso, os propios usuarios da escola, xa dan “por perdido outro curso, o segundo curso consecutivo perdido polos erros e a xestión dende o goberno”.
Eiroá afirma que en xaneiro deste 2024, canceláronse os contratos do 70 % dos docentes. “Isto foi provocado pola falta de previsión do equipo de goberno, xa que non foron capaces de afrontar con anterioridade unha situación que se ía producir si ou si, derivada dos procesos administrativos. O resultado foi que de 10 docentes so daban clases 3 e os usuarios estiveron sen recibir clase durante máis de medio curso”.
Actualmente, “seguen sen cubrirse as prazas de docente de guitarra e de percusión”. O concelleiro afirma que dende o Goberno argumentan que non hai xente para cubrilas e, en parte, “teñen razón, xa que a realidade é que non hai docentes que queiran regalar o seu tempo e o seu traballo. As condicións que se ofertan cando se convocan as prazas, provocan que non sexan interesantes para ninguén, polo que sexa complicado cubrilas”.
A xestión non só afecta ós docentes. “Tamén se ve reflectida no descenso do número de usuarios. Un descenso de usuarios do 40 % dende o curso 2022/23, no que había matriculados 133, fronte ó actual, no que so hai matriculados uns 80”. Esta diminución vén provocada, segundo di, pola falta de confianza de cara ó Goberno de Burela, xa que, un ano tras outro, os usuarios “vén a cantidade de problemas que implica formar parte da Escola Municipal” e elixen outras opcións. “E non os culpo, xa que a todos nos gusta desfrutar das nosas paixóns sen problemas nin dores de cabeza”. Pero para Alberto é “unha mágoa que un servizo tan demandado pola veciñanza, teña esta resposta por parte do Goberno de Burela”.