Un ano e dous meses despois de asumir o cargo, a alcaldesa de Burela, Carmela López, enfróntase a críticas pola súa xestión. Dende Son Burela lembran que durante a campaña electoral para as eleccións de maio de 2023, López Moreno insistiu repetidamente en que estaba "preparada" para gobernar o municipio dende o primeiro día. Porén, segundo o concelleiro, Alberto Eiroá, a realidade actual parece contradicir esas afirmacións.
Para Eiroá tanto a alcaldesa como o seu equipo de goberno en coalición foron incapaces de tomar as decisións necesarias para resolver os problemas reais e urxentes que afectan ao municipio. Aínda que se fixo "algunha cousiña nesta lexislatura", argumenta que estes esforzos son insuficientes fronte ás necesidades máis importantes de Burela que está "nunha peor situación que dende que o PSOE e BNG asumiron o goberno".
"A falta de toma de decisións informadas e coherentes para xestionar os recursos dunha maneira responsable, provoca que sigamos sen avanzar". Segundo Eiroá as prioridades parecen enfocarse en cuestións menores e en destacar actuacións como as luces de Nadal, as Festas Patronais, pintar sendas peonís ou a elaboración de plans a longo prazo, como o Plan de Mobilidade, que ten un horizonte de doce anos, mentres os problemas estruturais do municipio seguen sen resolverse.
Ademais, tamén cuestiona a tendencia do Goberno local a promocionarse nos medios e redes sociais, atribuíndose o mérito de eventos organizados principalmente polas asociacións e veciñanza, cando o papel do Concello é simplemente o de colaborar economicamente ou con medios materiais. "Pero claro, dicir que o que se fai dende o Concello é colaborar, non queda tan bonito nas redes sociais coma dicir que todo é cousa do Concello", asegura.