Solicitan a instalación da rede de saneamento na Carreira do Camiño Novo, en Covas
O saneamento é unha das infraestruturas básicas para que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida en condicións propias do tempo no que vivimos. En Covas, na Carreira do Camiño Novo non hai saneamento e as casas teñen que usar fosas sépticas, a pesar de que a poucos metros hai un coñecido hotel de catro estrelas. O grupo municipal do PP de Viveiro presenta unha iniciativa no Concello para solicitar un estudio técnico e económico para dotar a dita zona de saneamento público.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, visitou a Carreira do Camiño Novo e comprobou o malestar dos veciños, que están fartos de ver como fracasaron todos os seus intentos de conseguir o saneamento que demandan. Sinalou: “Trasladamos ao equipo de goberno de Viveiro as demandas dos veciños, a primeira delas o saneamento, é dicir, o entronque coa rede de saneamento para poder prescindir das fosas sépticas e de todas as incomodidades que supón o seu baleirado, limpeza e demais mantemento”.
Rodríguez sinala que tamén levarán ao Concello outra demanda dos veciños: o cambio de ubicación do sinal que avisa de que é unha vía cortada. A este respecto, Rodríguez indica: “Trátase dun camiño sen saída. O sinal está situado en plena curva, polo que son moitos os condutores que non o ven. Como consecuencia hai vehículos que acceden e chegan ata a parte estreita desta vía, onde para poder dar a volta teñen que invadir propiedades privadas”.