“Sobre a emigración ás beiras do Sor”, unha xornada para reflexionar sobre identidade e movementos migratorios no Vicedo

O Espazo da Identidade Cultural Galega, con sede na parroquia de Cabanas, no concello do Vicedo, acollerá o vindeiro sábado 20 de xullo unha xornada dedicada a afondar na realidade migratoria da contorna. O evento, baixo o título “Sobre a emigración ás beiras do Sor”, está concibido como un encontro para reflexionar sobre os fluxos migratorios dende unha perspectiva local e identitaria, aliñada coa filosofía do propio espazo.
A programación arrancará ás 17:00 horas cun percorrido pola mostra permanente “Bosque de valores”, unha instalación do propio centro que invita a mergullarse na esencia cultural galega a través da relación coa natureza e os valores comúns. A continuación terá lugar a conferencia central da xornada, que será impartida polo profesor e investigador Eduardo Lorenzo Piqueiras.
Baixo un enfoque histórico e sociolóxico, Lorenzo Piqueiras abordará tanto os procesos de emigración galega coma os fenómenos recentes de asentamento de novos habitantes, sobre todo no rural. O relator afondará tamén en conceptos como multiculturalidade, diversidade, integración ou convivencia, conectando o pasado migratorio coa realidade social e demográfica actual.
Como broche final, inaugurarase a exposición temporal “De Mañón ao mundo. Historias de vidas migrantes”, froito da colaboración entre o Espazo da Identidade Cultural Galega e o Concello de Mañón. Esta mostra poderá visitarse ata o día 31 de xullo e recolle testemuños, obxectos e imaxes que narran as traxectorias vitais de persoas da zona que emigraron ou que chegaron ao territorio dende outros lugares do mundo.
Desde a organización explican que esta xornada responde ao obxectivo de promover unha cultura viva e crítica, conectada co territorio e coas dinámicas sociais que o moldean. “Non se trata só de mirar ao pasado, senón de entender como os procesos migratorios seguen definindo quen somos, como nos relacionamos e que camiños temos por diante como comunidade”, subliñan.
O Espazo da Identidade Cultural Galega, inaugurado hai apenas uns meses, naceu coa vontade de ser un lugar de encontro, reflexión e creación arredor da cultura galega e da súa expresión nas zonas rurais. A súa programación combina arte, memoria, natureza e participación social, cunha marcada vocación pedagóxica e de dinamización comunitaria.