Sinalizan a ruta costeira de sendeirismo de Xove

AMariñaXa
O Concello de Xove rematou de sinalizar a senda costeira que discorre polo seu termo municipal e que ten unha lonxitude de 18 quilómetros.
sinalizacion ruta sendeirismo xove
20 Feb 2021

O Concello de Xove rematou de sinalizar a senda costeira que discorre polo seu termo municipal e que ten unha lonxitude de 18 quilómetros. Coñecida como Senda Costeira de Xove, e unha ruta de sendeirismo lineal, de dificultade media, e que percorre todo o litoral costeiro de Xove.

Ao ser unha ruta lineal, pódese percorrer nos dous sentidos, sendo un dos inicios a zona do Portiño de Morás, en concreto no parque etnográfico da baleeira, onde está situado un panel de inicio, con toda a información sobre a senda. O outro está situado na pista de acceso á praia de Portonovo, nos límites entre o Concello de Xove e o Concello de Viveiro. Neste punto tamén existe outro panel informativo. Nos dous paneis informativos existen códigos QR, que a través da aplicación Wikiloc, pode descargarse no móbil.

A Senda Costeira de Xove, no seu inicio percorre o mesmo itinerario que o Camiño Natural do Cantábrico, é dicir saíndo do Portiño de Morás, pasa pola Área de Interpretación dos Dolos (Morás), e accede ao cabo Morás, onde tamén se poden visitar os fermosos Cantís de Papel.

Toda a senda está perfectamente sinalizada, por partes percorre polo Camiño Natural do Cantábrico, outros por carretera con asfalto (Portocelo, Ceranzos), e outros por novos sendeiros, que foron habilitados polo Concello de Xove.

A variedade paisaxística de ruta é impresionante, pois pasa por grandes acantilados (Cantís de papel de Morás), preto de illas (Illa de Sarón, Illa da Cal), por castros prerromanos (Castro do Coto da Vela, Xacemento arqueolóxico de San Tirso), por miradoiros (Miradoiro de Nacente, Miradoiro de Poñente), preto dun faro (Faro de Punta Roncadoira), praias  Morás, Sucastro, Portocelo, Coído, Muiñelo e Esteiro), enseadas (Sucastro, Coído, Muiñelo), etc.

0.16067409515381