Sinalizados os tendidos eléctricos de alta tensión da desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo
Nestes días foron sinalizados os tendidos eléctricos de alta tensión que sobrevoan a desembocadura do río Grande na ría de Ribadeo. "Apréciase visualmente que agora os fíos eléctricos teñen colocados esferas de cor para maior visibilidade dos posibles navegantes que o fagan por este espazo”, din dende o Concello ribadense.
O alcalde lembrou que “logo do accidente mortal rexistrado o pasado 28 de agosto, onde un rapaz tripulante dunha embarcación de vela latina viuse afectado por unha descarga eléctrica ao atoparse nas proximidades dun tendido de alta tensión, enviamos desde o Concello unha serie de escritos ás diferentes institucións con posibles competencias nese ámbito, xa que o Concello non ten competencias na lámina de auga. Destes varios escritos fomos recibindo resposta de dúas delas: da Capitanía Marítima e da empresa eléctrica Begasa. A primeira delas comunicounos as varias xestións que fixera, especialmente coa compañía eléctrica. Pola súa banda, a compañía eléctrica Begasa maniféstanos que cumpren de xeito estrito coas especificacións técnicas contempladas na normativa aplicable e que na actualidade non existe ningunha normativa que atribúa ás empresas propietarias de liñas aéreas responsabilidades ou competencias en materia de balizamento para sinalizar a existencia de tendidos eléctricos a navegantes”.
E engadiu: “con todo, e a pesar disto, a compañía indica que se puxo a disposición das autoridades competentes para prestarlles a máxima colaboración no que estimen conveniente”.
Fernando Suárez subliñou: “entendemos desde o Concello, que esta mellora na sinalización e balizamento corresponde a esas xestións das que nos teñen indicado por escrito, algo que, desde logo saudamos e valoramos positivamente, no ánimo que nunca máis se volva producir unha desgraza deste tipo, nin na Ría de Ribadeo nin en ningún outro lugar”.