Silvia Rozas, frautista principal na Ópera de Hannover: “Non todos os concertos son iguais nin sentes o mesmo"

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
Silvia Rozas Ramallal Burela foto filarmonia
4 Sep 2023

A burelesa Silvia Rozas conseguiu dar un gran paso na súa traxectoria profesional e con tan só 24 anos xa é a frautista principal na Ópera de Hannover. Comezou aos sete anos no mundo da música e anteriormente foi a frauta solista da Badische Staatskapelle Karlsruhe. Esta burelesa opina que a música axuda á comunicación, a compartir momentos, ou a coñecer outras culturas. 

Por Ana Somoza López.

Como foron os seus inicios na música?

Lembro os meus inicios con cariño. Comecei cando era cativa e non tiña ningunha expectativa coa frauta, simplemente ía porque me gustaba e o pasaba ben.

Porque se decantou pola frauta?

Pódese dicir que foi bastante casual. Por aquel entón tiña unha amiga que tamén tocaba a frauta e pensei sería útil ter a quen pedir axuda se tiña dúbidas.

Como chegou a tocar na Ópera de Hannover?

O proceso de selección consistiu en catro roldas. A primeira foi cunha cortina para manter o anonimato e so votou o grupo de frautas. A partir de aí a orquestra e o director tamén tiñan voz na escolla.  En cada rolda toquei uns solos distintos, tamén un concerto clásico con piano, unha peza de frauta soa e música de cámara cos músicos da orquestra. Eramos 150 candidatos.

É un soño estar neste posto?

Si, un feito realidade!

Fala alemán? Como foi a barreira idiomática?

Claro, realicei a miña carreira en Alemaña e era preciso sacar un B2. Teño que dicir que en Berlín o idioma que usei o 90% do tempo foi o inglés, que xa falaba, e movinme sempre en círculos moi multiculturais, polo que non tiven moitas dificultades. Aínda así son consciente de que a miña situación como estudante ou como persoa cun traballo respectado socialmente dista moito á doutros inmigrantes sen tanto privilexio coma o meu e que si enfrontan a máis xenofobia e racismo diariamente.

Que tipo de repertorio se fai na Ópera? ballets, sinfónicos, etc.

Principalmente tocamos óperas, aínda que tamén facemos un proxecto sinfónico ao mes, concertos de cámara e para nenos. O meu concerto favorito ata agora foi unha especie de concerto-festival para nenos onde participaron desde rapeiros ata grupos de bailes e fixeron gofres para todos os pequenos, ulía de marabilla ata dende o foso. Así que a pesar de estarmos especializados en ópera hai moita variedade no traballo do día a día.

“De momento estou ben por aquí desfrutando do ambiente cultural tan vibrante, pero como galega que son, a terra tamén me chama”

Pode describirnos como é un concerto ou as sensacións que transmite estar no escenario?

Non todos os concertos son iguais nin sentes o mesmo en todos. Aínda así decidín dedicarme a música pola sensación que a veces, non todas, experimentas. É unha sensación de transo, como se non existe nada máis e só sentes unha felicidade extrema, calma e chea de enerxía á vez e seguridade. Resulta moi difícil de explicar e soa un tanto estraño, pero nos últimos anos os psicólogos están descubrindo máis disto que deron en chamar estado de flow.

Estivo en máis formacións ademais da de Hannover?

Toquei con distintas orquestras xoves como a de Galicia, a de España e a da Unión Europea. Logo tamén fun academista (similar a facer prácticas) na Sinfónica de Hamburgo e a Ópera Alemá de Berlín. Por último, tiven un contrato temporal no teatro de Karlsruhe antes de gañar a praza en Hannover. Ademais diso é frecuente colaborar con outras orquestras cando alguén está enfermo ou precisan algún músico máis.

Como definiría esta experiencia?

Podería escribir unha longa lista de adxectivos! Feliz por ver o esforzo de tantos anos recompensado, como un reto ao deixar de estar no ambiente académico máis protexido, algo triste por implicar outra mudanza e deixar máis xente atrás, enriquecedora ao estar en contacto con novos artistas que me inspiran, etc.

“En cada ronda toquei solos distintos, tamén un concerto clásico con piano, unha peza de frauta soa e música de cámara coa orquestra”

Que accións futuras ten en mente poñer en marcha? Algunha en Burela, a súa casa natal?

Teño moitos plans, pero entre o traballo, o máster que aínda estou a cursar e os concertos extras cústame atopar tempo. Teño claro que contribuír á sociedade é moi importante para min e creo firmemente na educación como catalizador de cambios sociais positivos. De momento o que está sobre a mesa é unha colaboración coa Escola de Burela e quizais algún cursiño de frauta por Galicia para compartir cos máis novos o que fun aprendendo nestes anos por Europa. No futuro si me gustaría investir máis tempo neste tipo de proxectos.

Gustaríalle volver a Galicia ou pola contra no mundo da música clásica é mellor estar por Europa central?

Fáiseme difícil responder a esta pregunta. De momento, estou ben por aquí desfrutando do ambiente cultural tan vibrante, pero como galega que son, a terra tamén me chama. Non sempre as diferenzas as hai que categorizar como mellor e peor, cada sitio aportaríame unhas cousas distintas, pero quizais neste momento vital quédome coas alemás.

Cal é o seu música, director ou peza favorita?

Depende para que. Nos últimos meses escoitei moitísimo a María Pelae e a Rosalía ao espertar pola mañá, para comezar o día con bo ánimo. Para cociñar tiro máis cara algunha playlist de bossa nova. Se necesito sentirme capaz de comer o mundo, algúns temas de Lizzo ou Taylor Swift. Dentro da música clásica tamén depende de como me sinta: dende Puccini para os días máis sensibles, a música sinfónica do romanticismo se me sinto invencible ou Mozart se estou máis xoguetona, por citar uns poucos. Mentres sexa boa música dáme igual o xénero!.

Silvia Rozas flute
SILVIA ROZAS foto cuadrada
0.17815709114075