Severino Salgueiro incorpórase como novo concelleiro do BNG en Viveiro

AMariñaXa
O enxeñeiro de camiños comprométese a reforzar o traballo nacionalista e a esixir á Xunta proxectos pendentes para o municipio
Severino-Salgueiro-BNG-Viveiro-setembro-2025
11 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro anunciou a toma de posesión de Severino (Seve) Salgueiro como novo concelleiro, no Pleno celebrado este mércores. O enxeñeiro de camiños súmase ao grupo municipal nacionalista, que xa integran Iria Cotelo e Juan Ramón Martínez.

No seu primeiro discurso, Salgueiro puxo en valor a traxectoria da organización: “O BNG leva décadas cun proxecto coherente, sinalando de xeito claro problemas e solucións, sen agocharse cando toca traballar. Estou orgulloso desta equipa e aquí está o meu compromiso de continuar con este traballo, agora como concelleiro, coa confianza que supón unha organización como o BNG”.

O novo edil tamén advertiu que Viveiro precisa dun goberno “con capacidade de esixir e non que se dobre ante a Xunta do PP”. Neste sentido, lembrou que “o BNG intensificou as demandas dos proxectos que a Xunta ten paralizados e que afogan Viveiro. Son proxectos que se reclaman desde hai décadas e polos que seguiremos loitando con firmeza”.

Pola súa parte, Juan Ramón Martínez valorou a chegada do seu compañeiro como “un reforzo de ilusión, experiencia e compromiso. É unha persoa formada académica e politicamente, que leva anos defendendo a Viveiro e militando no BNG dende que era mozo, e que agora, desde a corporación, reforzará o noso traballo como grupo”.

Tamén Iria Cotelo destacou que “poder contar con Seve, agora tamén no grupo municipal, é unha garantía de reforzo político e de máis forza para continuar na defensa dos intereses de Viveiro fronte á parálise da Xunta e ante un goberno local sen proxecto nin esixencias. No BNG temos claro que o único compromiso válido é co noso pobo”.

Con esta incorporación, o BNG de Viveiro reafirma o seu compromiso de seguir traballando con seriedade, rigor e proximidade, mantendo a defensa dos servizos públicos, das infraestruturas e do futuro económico e social da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.16186308860779