Rapaces viveirenses e bureleses formaron parte do 10ª Foro de Participación Infantil

AMariñaXa
Sete rapazas e rapaces viveirenses viaxaron ata Santiago de Compostela, onde formaron parte da 10ª edición do Foro de Participación Infantil
GRUPO DE PARTICIPACIÓN XUVENIL DE VIVEIRO parlamento galicia
15 Nov 2022

Unha representación dos grupos de participación adolescente de Burela e de Viveiro asistiu no Parlamento de Galicia no X Foro Infantil de Unicef. A Santiago viaxaron acompañados polas edís de Servizos Sociais de ambos Concellos, Carmela López e Victoria Baamonde, pola informadora xuvenil de Viveiro Lorena Mera e pola educadora familiar de Burela Noelia Legaspi. 

O acto deu comezo coa benvida da vicepresidenta 1ª do Parlamento, Elena Candia, á que seguiron as intervencións dos 12 voceiros dos Consellos Locais de Castrelo de Miño, Moaña, Ponteareas, Redondela, Teo, Ames, Viveiro, Burela, Nigrán, Cabanas, Tomiño e Moeche. 

María, do grupo de participación adolescente de Burela, centrou a súa intervención nos servizos cos que conta Burela para abordar unha problemática tan importante como a da saúde mental e tamén nas necesidades que sofre a poboación neste ámbito. María contou que nesta comarca traballa a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, que conta con sedes en Burela e tamén en Cervo, en Ribadeo e en Viveiro. E referiuse ao recurso específico do que dispón este colectivo, unha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero e que padecen enfermidades mentais. As idades das usuarias oscilan entre os 16 e os 65 anos, segundo os datos aos que aludiu María onte no Parlamento de Galicia. 

Esta moza tamén fixo fincapé nas listas de espera que hai na Mariña para que unha persoa poida ser atendida na Unidade de Saúde Mental, do Centro de Saúde de Burela, onde traballan tres psiquiatras e dous psicólogos. María dixo que a mocidade bota en falla recursos relacionados coa promoción da saúde e coa prevención de problemas psicolóxicos, sobre todo dirixidos á infancia e á xuventude. E avogou porque se impartan nos centros de ensino contidos de intelixencia emocional ou unha asignatura dedicada especificamente á xestión de emocións, de ansiedade, de estrés, de frustación… “que todos e todas as persoas xoves vivimos nalgún momento”. 

Tras as intervencións dos xoves chegados desde diferentes puntos de Galicia foi a quenda para a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito. Logo tomaron a palabra os representantes dos grupos parlamentarios e tamén interviñeron o Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo José Rey Sastre, e a vicepresidenta 1ª do Parlamento, Elena Candia. 

O X Foro Infantil de Unicef rematou coa entrega de diplomas aos Consellos participantes e do manifesto O noso futuro, as nosas ideas por parte das nenas e dos nenos que leron o manifesto ás autoridades presentes. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18322992324829