Sete concellos da Mariña acadaron unha axuda para o embelecemento do litoral
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da orde de axudas a entidades locais para financiar actuacións de embelecemento do litoral, que benefician a sete concellos mariñáns con achegas por importe global de 286.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que esta convocatoria da Axencia de Turismo de Galicia vai dirixida á rehabilitación de espazos singulares, a levar a cabo accións que contribúan a unha mellora da integración coa paisaxe, á mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras.
Así, a Administración autonómica apoia cadanseu proxecto en Xove - a creación dunha ruta litoral desde a praia de Esteiro a enseada de Muiñelo; e de punta Meitón a punta da Mansa -; Ribadeo -elaboración dunha guía interactiva do Centro de Interpretación Forte de San Damián -; Burela -desenvolvemento da presenza web do concello -; Viveiro -proxecto Viveiro en dixital - e Foz – pasarela na praia da Rapadoira -.
Tamén se financiarán tres actuacións promovidas polo Concello do Vicedo - mellora no sendeiro da costa para fomentar a biodiversidade; dotación de pantallas dixitais na casa da cultura, oficina de turismo e casa consistorial; así como mellorar a accesibilidade da praia de Xilloi-; e dúas en Cervo - integración paisaxística, acondicionamento e adecuación á paisaxe da parcela contigua ao Museo do Mar; ademais de adquisición e instalación de pantallas interactivas para a dixitalización de recursos con potencial turístico -.
Nestas axudas a concellos o orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: transición verde e ecolóxica, transición dixital e transición accesible e inclusiva. Concellos como O Vicedo e Cervo perciben achegas para máis dun proxecto correspondente a diferentes liñas.