SEPES abre a comercialización de 39 parcelas en Ribadeo cunha rebaixa do 35 %

AMariñaXa
O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 24 de abril
Imagen-aerea-Ribadeo-industrial
17 Feb 2025

A entidade pública SEPES, adscrita ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, publicou hoxe a licitación para a comercialización de 39 parcelas da Actuación Industrial "Ribadeo", en Lugo. O prezo base de licitación supón unha redución media do 35 % respecto aos valores aprobados en 2022. As empresas interesadas poderán presentar as súa ofertas ata o 24 de abril.

O Consello de Administración de SEPES aprobou o pasado 5 de febreiro as condicións de venda, o procedemento de enaxenación e a autorización para a comercialización destas parcelas, que contan cunha superficie total de 97.245 m². A adxudicación realizarase mediante un procedemento aberto por concurso.

Impulso ao desenvolvemento industrial

O parque empresarial Ribadeo Industrial está situado no centro da comarca da Mariña, próximo ao núcleo urbano de Ribadeo. Conta cunha superficie bruta de 184.000 m², dos que 114.855 m² son finalistas distribuídos en 55 parcelas de uso empresarial. A comercialización destas parcelas supón un importante impulso para o desenvolvemento industrial da zona, grazas á súa conexión directa coa Autovía A-8 e co Porto Comercial de Ribadeo.

As condicións de urbanización permiten a agrupación de parcelas contiguas en diferentes mazás con fronte completo a viario, ademais de facilitar a ampliación das empresas xa instaladas na zona.

Un espazo para vivir e traballar

SEPES desempeña un papel clave na xeración de tecido empresarial e emprego en España, promovendo a reactivación do solo como medida de impulso económico. A xestión de solo público ten como obxectivo mellorar a calidade de vida da cidadanía, creando espazos habitables onde as persoas poidan emprender, vivir e traballar dignamente.

Ademais do fomento socioeconómico, SEPES traballa para facilitar o acceso á vivenda e favorecer o equilibrio territorial, consolidándose como unha ferramenta esencial do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.

0.09512996673584