Senadores do PP reclaman avances na restauración do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá

Os senadores do Partido Popular por Lugo —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— solicitaron ao Goberno de España que dea conta das xestións realizadas para cumprir o acordo aprobado pola Comisión de Cultura o pasado 24 de febreiro. Nesta moción, o Senado instaba ao Executivo a liderar e financiar, con fondos estatais, a rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.
O acordo incluía tamén que o Goberno elaboraría e executaría un proxecto de intervención, en solitario ou en colaboración con outras administracións, para preservar, protexer e pór en valor este conxunto histórico-artístico declarado Ben de Interese Cultural.
Os populares recordan que, segundo o artigo 178.2 do Regulamento do Senado, o Goberno ten a obriga de informar no prazo de seis meses sobre o cumprimento das mocións aprobadas na Cámara. Por iso, presentaron esta petición formal para esixir unha resposta.
O senador mariñán, José Manuel Balseiro, subliña que, na resposta oficial recibida en novembro de 2024, “o Goberno confirmaba que non tiña previsión de levar a cabo esta rehabilitación a pesar de existir múltiples axudas para a conservación do patrimonio arquitectónico”. Por iso, Balseiro espera que “o Goberno de Sánchez rectifique e cumpra o acordo do Senado”.
Os populares reclaman que o Goberno “explique que pasos se deron para liderar a rehabilitación deste monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC)” e que “non sume outro incumprimento máis” respecto ao mosteiro.
Lembran que, nun primeiro momento, o Executivo prometera unha obra de rehabilitación que superaría os 2 millóns de euros financiados polo Plan Nacional para o Turismo Xacobeo 21/22, “unha inversión que nunca chegou a executarse”.
Posteriormente, solicitaron 3 millóns de euros para un proxecto de case 4,3 millóns con cargo ao programa do 2 % Cultural estatal. Con todo, “a finais de decembro saíu a resolución, case ás agachadas e en Nadal para que non se entere ninguén, e a solicitude do mosteiro de Lourenzá foi outra vez rexeitada”.
Os populares insisten en que este rexeitamento “non é porque se trate dun ben da Igrexa”, pois “entre os máis de 30 beneficiarios destas axudas hai outros inmobles similares”.
Destacan, ademais, que administracións como a Xunta de Galicia recoñeceron o valor do mosteiro e promoveron actuacións de restauración e conservación, pero “é precisa unha actuación máis ambiciosa que tería perfecto encaixe entre as financiadas con cargo a fondos estatais”, segundo indican os senadores do PP.