Semipeonalizar o núcleo urbano de Cervo xa está un pouco máis preto
O obxetivo de semipeonalizar o núcleo urbano de Cervo xa está un pouco máis preto despois de que o Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Cervo e a Axencia Galega de Infraestruturas para este fin.
Así, máis dun millón de euros, en concreto 1.025.015,53 euros, será o investimento total para mellorar a estrada das Quintás, e na que case o 25% e aportación do Concello de Cervo.
Villares dixo "que nos vai permitir materializar nos vindeiros meses o proxecto polo que levamos anos traballando desde este equipo de goberno que pasa por converter esta vía nunha especie de variante e que permitirá mellorar a fluidez do tráfico, de xeito que tamén os peóns gañen en seguridade na vila".
O obxecto do convenio é levar a cabo unha remodelación un treito de 382 metros da vía, entre a conexión coa estrada a Sargadelos, a CP-15-05, e o enlace coa rúa do Vilar a través da ponte sobre o río Xunco. Esa estrada, cunha largura de 3 metros, carece na actualidade de beirarrúas e beiravías.
Con estas obras ampliarse a calzada desa vía coa finalidade de que funcione como vía de circunvalación do núcleo urbano de Cervo, minimizando o tránsito de vehículos polo centro urbano e, especialmente, polo casco antigo do municipio.
Así, a mellora deste estrada facilitará o acceso desde o núcleo urbano de Cervo e desde a estrada N-642 á aldea e ás fábricas de Sargadelos, complexo siderúrxico e cerámico catalogado como conxunto histórico debido ao seu valor cultural e etnográfico, con importancia turística no Concello.
Está previsto reducir a sinuosidade do trazado desta estrada, ao adaptar a súa traza a radios más amplos e dotala dunha calzada de carrís de 3 metros, sempre acompañados de beiravías de largos variables en función da existencia de beirarrúas.
A remodelación incluirá a execución dun treito de novo trazado, reservando para a circulación dos peóns a ponte actual sobre o río Xunco. Esta nova estrada incluirá tamén beirarrúas na marxe leste, cunha sección de 2 metros que permite o paso de viandantes en ambos os sentidos.
Está previsto aproveitar para engadir sobreanchos que permitan que os autobuses que se dirixen ao conxunto histórico de Sargadelos poidan xirar sen perigo. Así, as obras facilitarán o acceso desde a N-642 a ese conxunto histórico, ademais de favoreceren o acceso á residencia proxectada e ao centro de día do municipio.
As obras terán tamén en conta a reposición e ordenación dos servizos de electricidade e telecomunicacións cuxos postes se atopan colapsados e enredados.
No caso do saneamento, prevese a renovación da rede de pluviais, que permitirá que a auga non se asolague nas zonas chas e se poida conducir de maneira ordenada ata os puntos de vertedura. Instalarase baixo a nova plataforma e sempre que sexa posible baixo a beirarrúa.
Este é "un proxecto ambicioso e importante, que redundará no ben común, en beneficio de toda a veciñanza", di o rexedor cervense Alfonso Villares.