Seguen as aulas baleiras do CEIP Castro de Ouro de Alfoz pola defensa da súa educación
As familias do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro mantéñense firmes na súa decisión de continuar coa folga, que o mércores 16 rexistrou un 100 % de participación, sen ningún alumno no centro. Sinalan que a situación volve tensionarse tras as últimas informacións contraditorias por parte da Inspección Educativa, que agora pretende indicar que o colexio "non ten necesidades", en claro contraste co que se lle comunicara previamente á propia ANPA. Nunha reunión anterior mantida en Lugo coa Xefa Territorial, Sagrario Sánchez, e coa Inspección Educativa, “informárasenos de que existían informes favorables que recoñecían as necesidades do colexio”, indican desde a asociación, confirmando que o centro necesitaba reforzos de persoal.
"Agora, inexplicablemente, a Inspección retráctase desas conclusións, o que nos parece unha falta total de criterio", denuncian desde a ANPA. "Non entendemos como poden cambiar de criterio dun día para outro. Esta contradición é unha manipulación clara da información, probablemente por presións políticas". Ademais, a ANPA critica as recentes declaracións de Javier Arias, Delegado da Xunta en Lugo, quen afirmou que a Xunta mantén o mesmo criterio para todos os colexios da provincia. "Isto non é certo", subliñan, "noutros colexios con números similares de alumnos están asignando máis mestres e incluso servizos de Pedagoxía Terapéutica. É evidente que se está discriminando ao CEIP Castro de Ouro, e non imos quedar de brazos cruzados".
O descontento entre as familias non fai máis que aumentar. "Non só nos están enganando coa información sobre as necesidades do colexio", explica un representante da ANPA, "senón que a comunicación por parte da Xunta está sendo inexistente. Javier Arias di que están dispostos a falar connosco, pero ninguén se puxo en contacto coas familias directamente. Todas as noticias chegan a través do colexio". A folga, organizada polas familias, manterase en marcha. A ANPA convocou unha reunión urxente ás 19.00 na Casa da Cultura, que terá lugar despois dun Consello Escolar, onde a dirección do colexio informará sobre a decisión transmitida pola Inspección Educativa de Lugo en relación ás necesidades do centro.
As familias decidirán entón cales serán as novas medidas a seguir en función desa información. Desde a ANPA subliñan que a continuidade da folga dependerá das conclusións presentadas no Consello Escolar. "Temos que analizar con calma as novas que reciba o centro e decidir como proceder. A nosa prioridade segue sendo defender a educación dos nosos fillos", afirman. Por outra banda, a ANPA tamén está valorando outras accións de protesta. Unha das posibilidades que están sobre a mesa é a participación en manifestacións a celebrar en Santiago, que se están a organizar por diferentes colectivos.
"Estamos considerando unirnos a estas mobilizacións, que comparten obxectivos similares aos nosos, para sumar forzas na loita polos recursos educativos que nos corresponden", explican. A ANPA insiste en que non deixarán de loitar ata que se restablezan os recursos que o colexio necesita. "As contradicións e a falta de transparencia por parte da Xunta son inadmisibles", conclúen. "Queremos solucións baseadas en criterios técnicos, non en manobras políticas".