Seguen as actividades co gallo do 8M en Mondoñedo

AMariñaXa
O CIM de Mondoñedo recupera este ano o seu tradicional concurso Debuxando en Igualdade, dirixido ao alumnado
22 Mar 2024

Con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, está a realizar unha serie de actividades conmemorativas.

Para o vindeiro sábado 23 de marzo terá lugar a entrega de premios dos concursos de debuxo 'Debuxando en Igualdade' e relatos 'Letras para a Igualdade'  dirixido ao alumnado dos centros de primaria e secundaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto. A entrega será as 17.00 horas.

De seguido, as 17.30 horas haberá un contacontos teatralizado sobre igualdade 'e ti, que queres ser de maior?'. Dirixido a público infantil a partir de 3 anos e familiar. Este espectáculo achéganolo Trémola Teatro.

A entrega de premios do concurso e o contacontos realizarase no auditorio municipal Pascual Veiga.

O vindeiro domingo 7 de abril teremos a 'Comida da Igualdade', un encontro lúdico de mulleres e homes nos que compartir un espacio de igualdade. Teremos agasallos para sortear entre as persoas asistentes e animación musical. O prazo para anotarse e recoller as tarxetas nas oficinas de CIM e de Servizos Sociais remata o luns 1 de abril. O encontro será na Finca San Antonio ás 14.00 horas.

Os actos institucionais e centrais foron o venres 8 de marzo e tiveron lugar na Praza do Concello.. Deuse lectura á declaración en prol da igualdade que cada ano realiza o Concello para, a continuación, dar lugar á presentación do novo panel da exposición “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”. Nesta exposición, inaugurada no ano 2017, faise mención ás representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. En este 2024 o panel está dedicado a Dolores Lombardero, farmacéutica, a Elena Candia, política, e a Cristina Vázquez, atleta, e ás labregas de Mondoñedo. O panel de 2024 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións de Servicios Sociais – CIM, situada no baixo da Casa do Concello.

Ao longo de todo o mes teñen lugar obradoiros de igualdade e diversidade LGTBI+ nos centros educativos de Mondoñedo e A Pastoriza, un ciclo que se iniciou o pasado mes de novembro e ao que se lle da continuidade xa que se trata de materias transversais que non teñen data fixa no calendario.

O Concello colaborou coa Asociación Sendeiriña de Mondoñedo que organizou unha charla o 15 de marzo ás 20.30 horas na Casa da Xuventude sobre 'Menopausia: entendiendo los cambios'. A Charla foi impartida por Ezequiel Cardoso, xinecólogo do Hospital Público da Mariña Lucense.

0.19416499137878